DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Termofísica investiga o seu comportamento anómalo en estado líquido

A auga, a substancia máis familiar pero tamén a máis estraña

A principios de febreiro amosarán os seus avances neste eido no encontro WaterSpain 2013

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 22/01/2013

Ante un único acontecemento a análise que se fai do mesmo pode variar moito dependendo dos coñecementos que se teñan. Cando o común das persoas vemos un xeo flotando nun vaso de auga pensamos que estamos ante un fenómeno “lóxico”. Sen embargo, para os ollos dun científico estamos diante dun comportamento rarísimo, pois o “lóxico” en realidade sería que a auga se comportase como os demais líquidos, é dicir, que en estado sólido fose máis densa que en estado líquido e que polo tanto o xeo se afundise no vaso. Polas grandes implicacións que esta substancia elemental ten para a vida, o Grupo de Termofísica do campus de Ourense investiga o comportamento anómalo da auga en estado líquido.

Na investigación, que se desenvolve no marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, participan os docentes Luis Romaní, Claudio Cerdeiriña, Diego González e Jacobo Troncoso. “A hipótese coa que traballamos, suxerida polo equipo de H. Eugene Stanley nos anos 90, é que todas as anomalías físicas e químicas no comportamento da auga están relacionadas co feito de que pode existir en dúas formas diferentes en estado líquido”, destaca Claudio Cerdeiriña.

Segundo explican os investigadores, os átomos que forman un elemento sólido distribúense espacialmente nel de xeito xeométrico. Deste xeito, coñécense xa na actualidade aproximadamente 15 formas, denominadas fases, no caso da auga sólida. Nos líquidos, aclaran, os átomos están dispersos e en movemento e no caso concreto da auga dintínguense dúas fases, chamadas HDL e LDL. Nunha fase os átomos están distribuídos de xeito desordenado, coma en calquera líquido, e noutra, con menos densidade, están máis estruturados, achegándose ao comportamento dun sólido pero sen abandonar a súa condición de líquido.

En consonancia co Campus da Auga

Para entender este comportamento, o equipo traballa na simulación computacional destes sistemas e destes comportamentos, na experimentación en laboratorio e na teorización dos avances que se van realizando. “Porque é importante estudar estas cuestión?. Pois porque a auga participa en todos os procesos biolóxicos e se pensa que todo o seu comportamento anómalo pode explicar procesos biolóxicos elementais, como por exemplo o pregamento das proteínas”, destaca Diego González.

Co obxectivo de dar a coñecer a súa investigación, Claudio Cerdeiriña e Diego González participarán os días 7 e 8 de febreiro en Zaragoza no primeiro encontro WaterSpain 2013, unha iniciativa que pretende aglutinar a científicos españois que estudan as propiedades físicas e químicas da auga. “É importante que nesa cita se coñeza o que se está investigando no campus de Ourense neste eido, sobre todo tendo en conta que se está a desenvolver o proxecto do Campus da Auga. A nosa investigación vén de anos atrás, é previa a esta iniciativa de especialización para Ourense, pero conflúe perfectamente nos seus obxectivos e polo tanto poñémola ao seu servizo”, subliña Claudio Cerdeiriña.