DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do seu director, Jorge Coira, e os autores da súa banda sonora

Augal detense nas diferentes fases de creación de ‘Rapa’

A Máster Class Audiovisual Galego dedica tres sesións a esta serie 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Académica
DUVI Ourense 25/10/2022

Producida por Portocabo e Movistar+, a serie Rapa estreou neste 2022 a súa primeira tempada, seis episodios que nestas semanas son analizados ao detalle e desde múltiples perspectivas na décimo segunda edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal, que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación promove co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Tras arrancar a pasada semana cun coloquio co guionista Pepe Coira, a facultade acolleu na tarde deste luns unha conversa co director deste thriller, Jorge Coira, e os compositores da súa banda sonora, Elba Fernández e Xavier Font. Combinando o coloquio coa proxección de diferentes escenas da serie, os conferenciantes buscaron tanto afondar nos traballos de dirección e na importancia outorgada á música nesta produción, como pór o foco na colaboración entre os diferentes profesionais implicados no desenvolvemento da serie, como explicou Coira, gañador en 2016 do premio Goya á mellor montaxe polo seu traballo en El desconocido de Dani de la Torre.

Coordinada polos profesores Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, esta Máster Class Audiovisual Galego, que en 2021 xa dedicara un monográfico á serie Hierro, tamén dirixida por Coira, centrará tamén a súa seguinte sesión no proceso de creación de Rapa. Será o martes 15 de novembro, coa participación do seu sonidista, Diego Staub, e do exalumno da facultade Alfonso Merino, que traballou na súa posprodución. A partir de aí, Augal promoverá un achegamento a outras producións galegas, como o documental Welcome to ma maison, que o 22 de novembro presentarán na facultade o director Andrés Goteira e os produtores Laura Doval e Suso López. Á semana seguinte, este ciclo volverá poñer o foco nas series, cun coloquio cos produtores executivos de Operación Marea Negra, Mamen Quintas e Toni Veiga. Xa en decembro, o luns 12 terá lugar a proxección da longametraxe Jacinto, completada cun coloquio co seu director, Javi Camino, e Augal celebrará a súa mércores 14 cunha sesión dedicada a premiar a mellor curtametraxe realizada o pasado curso polo alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual.