DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na terceira edición dos premios aos mellores traballos do alumnado da Facultade de Comunicación

Augal distingue ‘Xogo de nenos’ como a mellor curta do curso 2022/2023

Once proxectos foron seleccionados para este certame

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/12/2023

Xogo de nenos, unha curta de suspense dirixida por Miguel Romero converteuse na gañadora do III Concurso A Canteira-Augal, dirixido a recoñecer os mellores proxectos que o alumnado da Facultade de Comunicación desenvolve no marco da súa formación académica. Na segunda sesión da XIII Máster Class Audiovisual Galego Augal, que a facultade promove co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), tivo lugar a proxección dos once traballos seleccionados para esta edición do concurso, nacidos como traballos de fin de grao (TFG) en Comunicación Audiovisual, como proxectos para a materia de Guión, produción e realización de ficción ou para a participación en determinados concursos ou proxectos.

Un xurado integrado pola egresada da facultade e guionista Sara Varela, o director de cine Ángel Filgueira, tamén exalumno da facultade, e a docente Laura Miragaya encargouse, na tarde deste martes, de decidir o proxecto gañador de entre os once traballos seleccionados do curso 2022/2023. Presentada como unha “curta de suspense, acción e supervivencia”, construída “a partir das historias que inventaba o autor como era pequeno”, o premio foi para Xogo de nenos, que recentemente acadaba tamén a súa selección para o Madrid Indie Film Festival (Madiff) e que hai unhas semanas celebraba a súa estrea na facultade. Trátase, como destacou o xurado, dunha curta “cun gran traballo de cámara, dirección de fotografía e deseño sonoro", que conta tamén cun "ritmo moi marcado na súa montaxe e un deseño de vestiario moi ben resolto”.

O xurado destacou tamén que as once curtas “amosaban un alto nivel de realización e produción”, como mostra o feito de que varias tivesen sido xa seleccionadas para diferentes festivais. Xunto á gañadora, tamén foron seleccionadas Deal, de Luis Outeiriño; Uxía, de Javier Santana; Ángel de plástico, de Manu Sacoga; En el valle de la perseverancia, de Isaac Gulías; Doente, de Noelia Sánchez, Super-agobiada, de Uxía Soutullo; Cans de ferro e Crónica dun recordo, ambas de Zahira Teijelo; e Tara e Homes de traxe, dirixidas as dúas por Rebeca Tella e Daniel Filloi.

Augal continúa ata marzo

Coordinada polos profesores Paulino Pérez e Miguel Anxo Fernández, a décimo terceira edición de Augal arrancaba a finais de novembro e estenderá a súa programación ata marzo de 2024, cunha serie de proxeccións, abertas ao público e completadas cun coloquio cos seus directores e directoras. Con esa idea, a facultade recibirá de novo o vindeiro martes a Ángel Filgueira, que presentará a súa longametraxe Cuando toco un animal, xunto ás produtoras e exalumnas Silvia Fuentes e Anxos Fazáns. Xa en 2024, a programación retomarase o 7 de febreiro, cunha sesión dedicada ás curtametraxes Antes de que se poña o sol, A entrevista e Amanece la noche más larga, mentres que o mércores 21 Jaione Camborda presentará O Corno, gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Á semana seguinte, proxectarase Salta!, de Olga Ossorio, e o 6 de marzo Ghabel Javier Martínez presentará a serie Motel Walkirias. Augal celebrará a súa clausura o 13 de marzo, cunha sesión dedicada á primeira longametraxe do tamén exalumno Álvaro Gago, Matria, candidata a dous premios Goya.