DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proxección de ‘O ouro do tempo’ de Xavier Bermúdez puxo peche á Máster Class Audiovisual Galego

Augal, o escaparate do audiovisual galego, despídese coa promesa dunha cuarta edición

Preto de 180 estudantes participaron nesta iniciativa na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 02/04/2014

Co compromiso da Axencia Galega das Industriais Culturais (Agadic) de que o vindeiro curso haberá unha nova edición de Augal, a Máster Class Audiovisual Galego 2013-2014 clausurouse este xoves coa entrega de diplomas ao alumnado que participou neste escaparate do audiovisual galego impulsado polos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, que se amosan satisfeitos pola resposta que o alumnado brindou a esta iniciativa. “Este ano contamos con preto de 180 matriculados, o que literalmente duplica á anterior edición e demostra que hai un interese por coñecer o audiovisual propio”, salienta Fernández.

Cineastas como Alejandro Marzoa, Ángel de la Cruz ou Xavier Bermúdez, protagonista onte xoves da última sesión de Augal, pasaron nos últimos meses polo campus pontevedrés para presentar os seus filmes e manter un coloquio co alumnado, no marco dunha iniciativa con dous obxectivos, “dar a coñecer aos profesionais do audiovisual galego e ilusionar ao alumnado que quere formar parte deste sector”, como apuntou Jacobo Sutil, director da Agadic, na clausura desta actividade, na que tamén confirmou o apoio da Xunta de Galicia para que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolla o vindeiro curso a cuarta edición desta máster class.

Xunto ao representante da administración autonómica, tamén participaron na clausura de Augal a vicerreitora en funcións do campus de Pontevedra, Antonia Blanco; o vicerreitor en funcións de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, e o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, que destacaron a afluencia de alumnado coa que contou unha actividade que tamén “permite dar a coñecer a facultade e aos profesionais que nela se forman entre o sector audiovisual”, engadiu Fernández.

Unha edición aberta a múltiples formatos

A presenza no seu programa de curtametraxes, webseries ou telefilmes permitiu que na súa terceira edición Augal “se abrise a diferentes formatos cinematográficos para ofrecer un panorama moi amplo e variado do audiovisual galego”, como apunta Anna Amorós. En moitos casos, as proxeccións supuxeron ademais a estrea dos filmes máis alá dos festivais, o que motivou tamén que as diferentes sesións do ciclo chamasen a atención tanto do alumnado como da cidadanía de Pontevedra, o que a xuízo da profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación, “demostra que, se se lle ofertan cousas, a xente si está interesada nas actividades culturais”.

Neste senso, Miguel Anxo Fernández salientou que, "grazas á colaboración de Agadic, Augal permitiu axudar na difusión daquelas producións que, por desgraza, non chegan ás canles comerciais", e así mesmo, dar a coñecer entre o alumnado a situación na que se atopa actualmente o audiovisual en Galicia, “traballando cuns recursos económicos e cuns medios de produción moi limitados, pero utilizados con imaxinación e con talento”.

Cine que abandona a trama como despedida

A sétima e derradeira sesión de Augal contou coa participación do director ourensán Xavier Bermúdez, que presentou na facultade O ouro do tempo, unha longametraxe que ata o de agora só puido ser proxectada en festivais. O seu guionista e director presentou este filme rodado integramente en galego como a “crónica dunha historia de amor un pouco desmedida, contada ao paso das estacións” e defendeuna como unha “película intimista, bastante diferente do cine comercial”. Neste senso, Bermúdez trazou unha división entre dous tipos de película: o cine de trama, centrado en amosar “a loita dun personaxe por superar unha adversidade ou unha circunstancia que cambia na súa vida”, e aquel outro tipo de cine, dentro que enmarca O ouro do tempo, “que abandona a trama para explorar aquelas cousas que unicamente o cine pode contar” como podería ser o “retrato minucioso do cotián” que propón nunha película que se prevé chegue proximamente ás salas de cine.