DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión celebrada este venres no campus

A Aula Aberta de Educación pecha a súa segunda edición abordando as identidades diversas

Participaron Eva Mejuto, Éric Dopazo e María Victoria Fernández

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 04/11/2022

O pasado curso académico, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense puxo en marcha unha Aula Aberta co dobre obxectivo de fomentar o uso do galego e a reflexión crítica sobre temas de interese social. A iniciativa retomouse este cuadrimestre cunha programación de tres sesións centradas en “realidades invisibilizadas” que rematou este venres falando de identidades de xénero diversas.

O ciclo, que contou coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da UVigo, tivo como lema de Á espreita dos ríos subterráneos e nel abordouse en anteriores sesións os riscos de exclusión social de menores en sistemas de protección e tamén de migrantes. “Esta edición foi unha experiencia moi interesante porque nos permitiu ir abordando cuestións moi silenciadas, que non están nos currículos, de modo transversal”, comentou Isabel Mociño, vicedecana do centro organizador (e xunto á tamén profesora e vicedecana Ana Mª Iglesias responsable do seu plan de normalización lingüística). Ademais, engadiu, “permitiu que desde a nosa facultade de educación se vexa que na lectura, que é un dos focos onde queremos incidir máis, está tamén unha visión da sociedade moi diversa, moi calidoscópica, que nos permite confrontarnos cos nosos propios ás veces prexuízos, coas nosas perspectivas persoais e abrirnos a outras”. Segundo explicou a profesora, a actividade “supuxo unha oportunidade de empezar a somerxernos nunhas augas non sempre moi limpas ou pouco claras e de contribuír a facer un alumnado máis crítico e reflexivo”.

Tres visións que conflúen

A sesión deste venres levou por título Ríos subterráneos: identidades líquidas e nela participaron Eva Mejuto, escritora autora da obra 22 segundos, onde narra a vivencia de cambio de xénero dun adolescente, e A memoria diversa, de entrevistas a persoas que formaron parte do activismo LGTBIQA+ galego; Éric Dopazo, músico e youtuber que inspirou a anterior novela, e María Victoria Fernández Carrera, investigadora da UVigo especialista en temas de xénero e identidade. Na actividade, comentou a escritora convidada, quíxose facer fincapé “na necesidade de que a literatura serva para recoñecer e representar á sociedade en todas as súas diversidades, en tanto que a literatura serve para construír o mundo interno e o mundo externo das crianzas que nos len”. Neste contexto, afirmou, “a literatura é punto de encontro e punto de partida”, trasladando a súa visión de “partir da literatura para chegar ao activismo”.

Éric Dopazo salientou pola súa parte a importancia de “falar da diversidade, de que non é unha cousa allea, de que todos somos especiais ao noso xeito”. Na súa intervención, dedicou parte do seu tempo a aclarar conceptos arredor desta diversidade xa que, sinalou, “fálase moito de todo pero non acabamos de ter claras as cousas”. Respecto á situación das persoas transxénero, o convidado dixo que “está habendo unha onda de odio, con precedentes, por un motivo político, creo: a mesma lei que era redactada hai uns anos polo PSOE é agora deturpada polo mesmo partido por discrepancias dentro do goberno con Podemos”. Neste senso afirmou que “que se nos estea instrumentalizando á xente trans está repercutindo en que a xente, nova e vella, reproduza un discurso de odio que hai que empezar a traballar, porque estamos falando de vidas de xente menor de idade” e recalcou que “é necesario sensibilizar e falar desde a vulnerabilidade” desta problemática. Porén, subliñou Dopazo, “a estas alturas da película non deberiamos estar debatendo os dereitos humanos como unha cuestión sobre a que se pode opinar”.

Pola súa banda, María Victoria Fernández, investigadora do Grupo de Investigación en Saúde, Sexualidade e Xénero, salientou como a obra de Eva Mejuto 22 segundos “pon sobre a mesa unha realidade que a día de hoxe é unha realidade moi cuestionada tristemente, que é que non só as persoas trans existen senón que as infancias trans tamén existen”. A docente explicou que estamos vivindo “un contexto de odio en relación a ese debate arredor da Lei Trans e da existencia das persoas trans” e desde un posicionamento transfeminista analizou mensaxes que se están transmitindo neste senso e como “contribúen á violencia, como violencia discursiva que remata por afectar á vida de grupos minoritarios pero tamén de forma global ás persoas”. A relatora destacou a importancia de, desde o eido educativo, previr estas violencias “a través dunha educación que se separe da pura instrución e que se oriente á humanización do alumnado e polo tanto que se basee nunha educación en valores”. Na súa reivindicación dunha lectura crítica da realidade e de traballar por unha alternativa á mesma, a experta en xénero propuxo unha pedagoxía queer que, dixo, “permite analizar aqueles discursos educativos que xeran exclusión, violencia, ao aliñar ás persoas e pobos, á hora de por exemplo autodeterminar a súa identidade, e propón a construción de espazos educativos alternativos onde as persoas poidan ser quen son e vivenciarse como son, indo máis aló de  incluír contidos LBGT no curriculum”. Trátase, afirmou, “non tanto de incluír ás persoas que socialmente non teñen intelixibilidade social na matriz cis heteronormativa, que vén delimitada polas normas de xénero, senón que consiste en rachar directamente esas normas de xénero”.