DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As súas prazas esgotáronse e son 13 as persoas inscritas

A aula de gaita e percusión continúa este cuadrimestre a súa formación no campus

Está dirixida polo músico Gonzalo Abelairas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 25/04/2024

Entre os grupos de artes escénicas cos que conta o campus de Ourense está a aula de música tradicional galega, unha das máis consolidadas no campus de Ourense. Este cuadrimestre, esgotou de novo as súas prazas e son 13 as persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, que se forman cada xoves pola tarde nas instalacións universitarias, aprendendo a tocar a gaita e percusión. A aula forma parte dos obradoiros de extensión universitaria organizados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación Provincial.

Dirixida polo músico Gonzalo Abelairas, a actividade conta con 30 horas de formación e como lugar de celebración principal o pavillón de estudantes do campus. Os seus contidos están enfocados tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento e nas sesións as e os participantes divídense en grupos atendendo ao seu nivel de coñecementos previos e ao instrumento que tocan, compartindo noutros momentos sesións conxuntas. Nas sesións afóndase no coñecemento da percusión e da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación, a ornamentación e outros aspectos da música tradicional. “A verdade é que estamos moi contentos co gran traballo que está a facer o alumnado do obradoiro”, afirma o seu responsable.