DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense rendeu este mércores homenaxe á escritora galega

Unha aula magna para Concepción Arenal

Dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/11/2012

Disfrazada de home e contra a vontade da súa familia e da época na que lle tocou vivir, Concepción Arenal entrou arredor de 1842 de oínte na Facultade de Dereito de Madrid. Comezou entón para ela toda unha vida marcada polo compromiso co coñecemento, co feminismo e cos máis desfavorecidos da sociedade. Por esta traxectoria, a escritora galega foi homenaxeada este mércores no campus de Ourense, onde a aula magna da Facultade de Dereito pasa a ter o nome desta insigne loitadora pola igualdade de dereitos.

O acto de homenaxe, que se enmarca na programación organizada co gallo do Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, comezou co descubrimento dunha placa en lembranza da escritora e co nomeamento da aula magna co seu nome. De seguido celebrouse unha mesa redonda sobre a súa figura na que participaron María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito; Inma Valeije, secretaria xeral da Universidade de Vigo; Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo; Zaza Ceballos, produtora de Zenit TV, e a actriz Isabel Naveira. “Este acto de homenaxe a Concepción Arenal é un acto de memoria histórica co que queremos saldar unha débeda que temos co recoñecemento da figura desta extraordinaria muller”, explicou María Lameiras.

Unha loitadora

“Foi muller, por natureza; galega, por nacemento; xurista, por vocación; universal pola transcendencia da súa obra pero sobre todo foi unha loitadora polo dereito de todos e todas”, subliñou Roberto Bustillo durante a homenaxe. Unha admiración compartida por Inma Valeije que, salientando a condición de Concepción Arenal de referente, destacou “o especial orgullo que supón para a Universidade pór o seu nome a unha das aulas do campus de Ourense”.

A xurista Celia Pereira foi a encargada de explicar en detalle a vida da escritora galega aos asistentes á homenaxe, que reuniu, ademais dunha ampla representación da comunidade universitaria, a Agustín Fernández, alcalde de Ourense; a Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense; a Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e a Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, entre outras moitas autoridades. De Concepción Arenal, Pereira salientou a súa condición de feminista, de ideario liberal krausiano e a súa entrega na defensa dos dereitos dos máis desfavorecidos, como é o caso dos reclusos e das reclusas.

Defensora da poboación reclusa

Precisamente ao remate da mesa redonda proxectouse a película Concepción Arenal. A visitadora de cárceres, dirixida en 2012 por Laura Mañá. Anna Amorós, Zaza Ceballos e Isabel Naveira foron as encargadas de presentar esta peza e de destacar a oportunidade que brinda para recoñecer e recuperar a figura de Concepción Arenal, que en 1863 converteuse na primeira muller que recibe o título de Visitadora de Cárceres de Mulleres. As condicións da poboación presidiaria foi, como recolle a película de Mañá, unha das súa principais preocupacións de Arenal ata a súa morte, escribindo libros como Cartas aos delincuentes, Oda á escravitude ou O reo, o pobo e o verdugo que xa na súa época foron traducidos a outros idiomas.