DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha serie de concertos nas tardes dos luns, acompañados por diferentes agrupacións

A Aula de Música Tradicional percorrerá as prazas da cidade 

A primeira actuación terá lugar o 6 de xuño na praza da Verdura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/06/2022

Cando, o pasado mes de setembro, a Aula Permanente de Música Tradicional Galega do Campus de Pontevedra iniciaba o quinto curso da súa traxectoria, facíao cos obxectivos de consolidar un grupo musical estable e de achegar a súa actividade á cidade. A estes dous propósitos responde o ciclo de concertos que os preto de 30 integrantes do seu grupo de gaitas e percusión ofrecerán ao longo deste mes en diferentes prazas de Pontevedra. Nas tardes de cada luns, ás 20.30 horas, a aula protagonizará catro actuacións no espazo público, nas que interpretará un mesmo repertorio baseado na música popular galega, acompañada por diferentes agrupacións.

“As pezas serán as mesmas, pero o resultado, tanto acústico como escénico, será totalmente diferente”, salienta o músico Suso Vaamonde, responsable da aula que a Vicerreitoría do campus impulsa xunto coa Concellería de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio de colaboración. Nas catro actuacións, que o grupo realizará a pé de rúa, interpretará un repertorio conformado “por melodías populares e tradicionais para gaita e percusión”, que abranguen desde “obras de autor inspiradas no folclore a pezas tradicionais e populares, ou mesmo adaptacións dun tango e un merengue sacadas do repertorio de gaiteiros que as acoplaron ao acervo popular”, explica Vaamonde.

A Verdura, o Teucro, a Ferraría e a alameda

Esta serie de concertos arrancará o vindeiro luns na praza da Verdura, onde a aula interpretará este repertorio en solitario. Sete días despois, o luns 13, farao na praza do Teucro, mais desta volta acompañada polo coro sénior do campus de Vigo, que sumará as súas voces a tres das pezas que integran o repertorio. O luns 20, o coro volverá acompañar á aula, neste caso na praza da Ferraría, e farao tamén o grupo de danza da Universidade de Santiago de Compostela, que bailará en catro das pezas. O último concerto terá lugar o luns 27 na alameda e será de novo un recital instrumental. Nesta ocasión, a cargo de preto de 80 músicos, xa que a agrupación do campus estará acompañada pola Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde, a Escola de Música de Salceda de Caselas, a agrupación Téquexetéldere, a Escola de Música e Baile Tradicional Concello de Outes, a asociación A Fuliada e a asociación Hai que roelo.

Dinamizar o espazo público e darse a coñecer

“Paréceme unha actividade extraordinaria para fortalecer o vínculo entre Universidade e sociedade”, salienta a directora en función da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, respecto dunha iniciativa que permite achegar á cidadanía “os resultados culturais e artísticos que a Universidade pode promover”. Non en van, lembra, o propósito desta aula, aberta ao conxunto da cidadanía, é contribuír tanto á iniciación como ao perfeccionamento no manexo de diferentes instrumentos populares, de tal xeito que estes concertos non só permiten “dinamizar o espazo público”, senón tamén dar a coñecer “a aquelas persoas que teñan certa sensibilidade polo ámbito musical que a través da Universidade teñen a oportunidade de formarse na música tradicional”.

Nesa mesma liña, Vaamonde recoñece o interese que xera unha actividade que cubriu neste curso todas as súas prazas e que, despois da interrupción na actividade que supuxo a pandemia, atópase agora “nun momento doce”. Non en van, os últimos meses non só permitiron a consolidación dun grupo de música tradicional con varios formatos, senón tamén a súa participación en múltiples actividades, desde a inauguración da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes ao Concerto de Primavera da Vicerreitoría, pasando polo feito de ter subido ao escenario con Carlos Núñez no seu último concerto en Pontevedra. De feito, alén deste ciclo da actuacións, o grupo de zanfonas e acordeóns participa tamén nestas semanas en seis actos de graduación na UVigo.