DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este luns permance aberta a inscrición neste obradoiro

A Aula de Teatro do campus busca novos integrantes

O resultado final será unha obra que se estreará na Miteu

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cursos
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 02/10/2023

Que tanto o alumnado universitario como calquera outra persoa interesada poida participar nas diferentes fases do proceso de creación teatral, desde o proceso inicial de elección e lectura dun texto ata a súa representación final diante do público é o propósito fundamental da Aula de Teatro do campus de Pontevedra. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e aberta a toda a cidadanía, esta actividade abría este luns o seu período de inscrición e terá como responsable ao actor e director teatral Salvador del Río, de Teatro de Ningures. De carácter gratuíto e con 20 prazas, a inscrición nesta actividade arrancou este luns cun primeiro prazo dirixido aos e ás integrantes da comunidade universitaria. Tras este, do 5 ao 9 de outubro poderán matricularse as persoas que formaron parte da aula o curso pasado e finalmente do 10 ao 15 de outubro abrirase un terceiro prazo para o conxunto da cidadanía.

A actividade desenvolverase os luns e mércores, entre os meses de outubro e decembro, na Facultade de Belas Artes, e posteriormente abrirase a inscrición para o segundo cuadrimestre, no que o traballo das e dos participantes centrarase en boa medida na preparación da montaxe teatral que a aula levará a escena nunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu). “O teatro é unha formación transversal para o alumnado e queremos que sexa unha actividade fixa na programación do campus”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría Luis Tores, que lembra que a cultura é un dos piares do proxecto de especialización Campus Crea. Nese obxectivo de ofrecer unha aprendizaxe transversal, o programa do obradoiro ábrese cun primeiro bloque de contidos centrados na “posta a punto corporal e vogal” e na relación entre actores, para logo xa deterse na lectura e comprensión do texto teatral e na encarnación da personaxe, pondo finalmente o foco na montaxe teatral. Todo iso, a través de “exercicios prácticos que pretenden fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, imaxinación, sentido do ritmo e musicalidade” das persoas participantes, como recolle a convocatoria desta aula.