DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades coas que a asociación berciana “Xarmenta” promove o galego

A Aula de Teatro Maricastaña presenta no Bierzo a versión en galego da obra “1984”

Baseada na novela de George Orwell, terá lugar o mércores 28

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 26/05/2008

A comarca galegofalante do Bierzo acollerá este mércores 28 a obra 84, coa que a Aula de Teatro do campus, Maricastaña, porá o seu graíño de area na celebración do Día das Letras Galegas. A adaptación da obra de George Orwell realizada por Fernando Dacosta, subirá ao escenario enmarcada nas diferentes actividades coas que Asociación Berciana da Lingua Xarmenta quere promover o uso do galego e que están tendo lugar durante todo o mes de maio.
O director de Maricastaña, Fernando Dacosta, explicou que a colaboración xurdiu por tres vías. Por unha banda, dende o campus “sempre se apoian iniciativas para o fomento da nosa lingua e, ademais, nesta ocasión, a Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia fíxose cargo dos gastos” comentou, pero a persoa de contacto foi “Carlos Lesmes, un integrante do grupo de teatro que coñecía persoalmente aos organizadores das actividades de Xarmenta e que foi quen suxeriu a nosa participación” engadiu. De feito, fai uns días a Aula de Teatro Infantil do campus xa participou representando A fada do abano verde, obra que, segundo Dacosta, “encheu a sala e tivo moi boa acollida, os nenos seguiron a historia sen dificultade, pese a estar en galego, xa que as fronteiras administrativas non sempre se corresponden coas lingüísticas e no Bierzo fálase moito galego” explicou.

A adaptación dun clásico

A obra 84 parte da novela de George Orvell pero está adaptada ao teatro “reducindo espazos e persoaxes” explicou Dacosta “pero sendo fiel á historia pese a achegala máis á nosa sociedade” dixo. Así, mentres que no libro o maior perigo era o comunismo, sobre o escenario “é o fascismo. Critícase a falta de liberdade e como os diferentes gobernos controlan aos individuos” explicou o director de Maricastaña. De feito, cando se escribiu a novela “semellaba ciencia ficción, pero hoxe en día vai collendo corpo porque estamos vixiados en todas partes e sometidos a mentiras para ver só bloques antagónicos”, incluso o terrorismo aparece na obra “como algo controlado polo poder” porque o obxectivo non é outro que inducir ao espectador á reflexión.