DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa interpretación da obra "Resíduos"

A Aula de Teatro da Universidade alza o pano da Miteu no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 20/04/2010

En total escuridade e cunha canción, así alzou hoxe o pano da XII Mostra de Teatro Universitario no campus de Vigo o grupo anfitrión, a Aula de Teatro da Universidade de Vigo. Coa obra Residuos e baixo a dirección de Pepa Barreiro, a directora da aula e toda unha experta á hora de introducir aos estudantes nunha faceta ben distinta á que acostuman a levar a cabo nas aulas: a representación teatral.
Con textos de Luisa Cunille, María Zambrano, Suso de Toro, William Shakespeare e Xavier Lama, os seis mozos actores amosaron un espectáculo do que, partindo do “Mito” chegaron a toda unha serie de “Residuos” ou como eles mesmos sinalan “ecos, resóns, rumores deses desexos e temores que son comúns ao xénero humano de todos os tempos e condicións”.
Aaron Domínguez Eguía, Alex Paz Domínguez, André Fernández González, Christelle Lory, Hadrián Grille Negreira e Pablo Fernández Medina conformaron o elenco dunha obra na que todo correu a cargo da propia Aula de Teatro da Universidade, dende o deseño do espazo escénico ata o vestiario, a selección musical e mesmo a tradución dos textos.

O espectáculo continúa

Previamente á inauguración e, para ir abrindo boca, a mediodía tivo lugar unha performance no centro comercial que, sen dúbida, non deixou indiferente a ningún dos comensais, xa que estratexicamente colacados nun sofá arrincaron sorrisos a todos cantos por alí pasaron ou almorzaron.
Este mércores continuará a mostra coa representación da obra Historias y más historias de Edgar Valeriano e Leonardo Montes de Oca, da man do grupo hondureño Bambú.