DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula de Teatro da Universidade de Vigo abre a programación da XI MITEU coa comedia musical “Superheroes de barrio”

O Vidal Bolaño acollerá representacións teatrais e de danza internacionais ata o 30 de abril

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 20/04/2009

Os amantes e afeccionados ao teatro están de sorte. Hoxe abriuse a programación da XI Mostra Internacional de Teatro Universitario no campus de Vigo,coa representación de Superheroes de barrio, un musical de andar por casa, de Jordi Gomar, levado a escena pola Aula de Teatro da Universidade de Vigo, e que “por unha banda é un divertimento, pero con flashes de reflexión do mundo contemporáneo”, explica a súa directora Pepa Barreiro, tamén responsable da MITEU en Vigo.
O público presente no Vidal Bolaño puido disfrutar desta comedia musical, aínda que ás veces teña pouco de comedia e nada de musical, que conta as historias dos seus personaxes, as súas frustracións, os seus medos e os seus desexos. As cancións que se insiren na obra son plaxios de temas musicais máis que coñecidos pola súa difusión en emisoras de radio, bandas sonoras de cine, coleccións de éxitos de sempre e todo tipo de verbenas e seráns.

Teatro galego, portugués e brasileiro ata o xoves 30 de abril

Esta cita de referencia do teatro universitario continúa o mércores co espectáculo de baile Ver fondo do envase da Aula de Teatro e Danza da Universidade de A Coruña e a obra Os figurantes de José Sanchís representada pola Aula de Teatro do campus de Pontevedra, ás 13.00 e 18.30 horas respectivamente. A semana pecharase o xoves, ás 18.30 horas, con Marca’dor a cargo do grupo portugués TeatrUBI e Asta da Universidade da Beira Interior.
A semana vindeira proseguirá o teatro, de balde, no Vidal Bolaño ás 18.30 horas. O luns 27, a Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña pon en escena Máquina da muller, baseado na obra Máquina Hamlet de Heiner Muller. O martes, chegados dende Guinea Bissau, o Grupo de Teatro do Oprimido representará a obra Dicidju de Padida. O día 29 é a quenda da Aula de Teatro do campus de Ourense, Maricastaña, coa montaxe do thriller Hide. Finalmente, o xoves 30 clausúrase a MITEU no campus vigués con Terrah Cultural, un elenco chegado dende Brasil que escenificará O encontro de cordeis.
Os asistentes poderán contemplar ao longo de todos estes días o traballo, esforzo e ilusión de todos os compoñentes das diferentes aulas teatrais de universidades chegadas de todo o mundo.