DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 27 de outubro ao 7 de novembro na Casa das Campás

A Aula Tecnolóxica achega á comunidade universitaria todos os segredos da web 2.0

O prazo de inscrición remata este venres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 22/10/2008

Blogs, podcasts, videoblogs, redes sociais… son algúns dos elementos que conforman a web 2.0 e que permiten que calquera poida producir contidos aínda que non teña coñecementos de programación. Agora, un curso organizado pola Vicerreitoría do campus, vai achegar os segredos destas ferramentas a toda a comunidade universitaria. Do 27 de outubro ao 7 de novembro terá lugar este obradoiro Web 2.0 e blogs para todos, que se desenvolverá en horario de 19.00 a 21.00 horas os luns, mércores e venres.
O obxectivo é abrir a Universidade a toda a sociedade e por iso, segundo explicou o coordinador da Aula Tecnolóxica, Alberto García Ariza, “non son necesarios coñecementos previos, porque imos falar de ferramentas que xa empregamos no día a día, aínda que non nos deamos conta”. Así, entre os contidos do curso figuran o funcionamento da rede, servizos como Facebook ou MySpace ou a creación de bitácoras persoais.
Diego Fernández Pérez é licenciado en Belas Artes e deseñador e profesor da escola de deseño Aula D de Vigo e será o encargado de impartir o curso que "terá unha dinámica de obradoiro para facelas o máis prácticas posible”, apunta. Cando remate o curso, todos os participantes saberán crear galerías fotográficas, subir vídeos a YouTube e crear un blog que despois poderán seguir mantendo desde a súa casa.
O prazo para formalizar a matrícula remata este venres 24 de outubro e pode realizarse online na Aula de Posgrao Virtual.

O retoque fotográfico, protagonista do próximo curso

A programación da Aula Tecnolóxica non remata con este curso e xa ten previsto outro de retoque fotográfico que comezará o 18 de novembro, aberto a toda a sociedade. A matrícula para este curso estará aberta do 10 ao 14 de novembro e desenvolverá aspectos básicos da imaxe dixital mediante GIMP, unha aplicación en software libre, “que queremos fomentar porque é tan potente como as de pago”, indica Alberto García.
A programación da Aula Tecnolóxica tamén conta con cursos de apoio á comunidade universitaria. Estes talleres, específicos para as diferentes titulacións que se imparten no campus, pretenden desenvolver aspectos que non se poden atender amplamente na carreira. O próximo, que comeza o 3 de novembro, está dirixido os docentes e consistirá na descrición do programa SPSS e dun conxunto de técnicas estatísticas.