DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os mércores ata o 12 de maio

As Aulas Abertas de Danza propoñen a improvisación como cerne do proceso creativo

O prazo de matrícula estará aberto desde mañá ata o día 16

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 11/03/2010

Un ano máis botan a andar as Aulas Abertas de Danza, unha proposta da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para tomar conciencia dos nosos movementos como ferramenta de axuda en calquera proceso de comunicación ou creativo. Preséntase como unha oportunidade de achegamento á danza contemporánea, enfocada principalmente de cara á importancia da improvisación como recurso creativo e cerne para arrincar o proceso de creación. Apta para todos os corpos, non require coñecementos previos nin habilidades físicas especiais, só roupa cómoda, mente aberta e ganas de experimentar con sensacións derivadas do movemento e do ritmo.
Esta actividade non busca formar bailaríns profesionais, senón que, como indica a súa coordinadora, María Peña Lombao, “constitúe unha iniciación ao coñecemento do corpo como ferramenta expresiva”. O seu obxectivo xeral, é achegar a danza ao ámbito universitario, de xeito especial ás titulacións do campus, pois, segundo a coordinadora, “tócalle de preto a todas elas”.
Haberá clases todos os mércores na Casa das Campás desde o 17 de marzo ata o 12 de maio, en horario de 17.00 a 19.00 horas, impartidas por Kirenia Martínez e Beatriz Pérez, as dúas integrantes da compañía Entremans e profesoras de danza contemporánea do Centro de Danza e Teatro Artestudio. A inscrición é gratuíta ata completar aforo e o prazo estará aberto desde mañá, día 12, ata o vindeiro martes, día 16. Ofértanse en total 35 prazas e pódese formalizar a matrícula na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra ou a través do enderezo de correo electrónico campuspontevedra@uvigo.es.

Expresividade, calidade xestual e como bailar unha poesía

“As dúas profesoras realizarán exercicios sobre a expresión e a calidade do xesto”, explica María Peña, que sinala que empregarán distintos métodos da pedagoxía da danza e que as clases dunha serán a continuación das da outra. Abrirá o programa Kirenia Martínez, que impartirá as catro primeiras sesións. Baixo o epígrafe A palabra baila, afondará na investigación coreográfica a partir dun texto, para poder bailar unha poesía ou entender o movemento ao ler unha palabra. Pola súa parte, Beatriz Pérez abordará nas súas catro intervencións, tituladas O corpo presente, o corpo como guía dos movementos, o equilibrio a partir do centro de gravidade, a orixe do movemento e a súa proxección, o espazo, o uso dos contrarios en tempo, espazo e enerxía e a memoria corporal.

Punto de encontro de estudantes diversos

“Todos os graos do campus teñen conexión coa danza, dende Belas Artes pola súa relación directa coa performance, ata Ciencias da Educación e do Deporte ou Publicidade, onde fan un uso habitual do corpo”, opina María Peña. A coordinadora das Aulas Abertas pensa que “a danza aglutina desta maneira a todo o campus, podendo funcionar como un punto de encontro entre estudantes de procedencias diversas”. Ademais, os coñecementos adquiridos serviranlles a todos para dominar a súa expresividade e comportamento xestual ante situacións difíciles, como a presentación en público de traballos ou o enfrontamento á primeira entrevista laboral.
Por iso Peña Lombao destaca a boa acollida desta actividade nas súas anteriores edicións, á par tamén das de teatro, “cunha participación alta e bos resultados, polo que moitos dos alumnos seguiron facendo cousas relacionadas, ben apuntándose á Aula de Teatro ou noutros cursos”. Posto que a súa propia tese versou sobre as artes escénicas, considera fundamental “buscar un espazo para elas dentro da Universidade e tomar conciencia do valor da danza contemporánea e das artes en xeral”.