DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vindeiros meses de marzo, abril e maio

As Aulas Abertas empregarán danza e teatro para mellorar a comunicación

A matrícula permanecerá aberta ata o 6 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 04/03/2009

O movemento é fundamental en calquera proceso de comunicación e, como artes, a danza e o teatro, poden converterse en ferramentas para mellorar o seu uso. Con esta idea se poñen en marcha as Aulas Abertas de Danza e Teatro que se celebrarán nos vindeiros meses na Casa das Campás. Se hai unha premisa inicial para participar é perder o medo.
Non se trata de converterse en bailaríns ou actores profesionais senón de acadar “coñecemento do propio corpo, da voz, da mirada… porque todo funciona como unha ferramenta de comunicación e temos que aprender a controlalo para que non exprese o contrario do que dicimos coa palabra”, comenta María Peña, a coordinadora da actividade. As habilidades que se adquiran serviranlles os alumnos para estar máis cómodos en situacións delicadas, como as entrevistas de traballo ou os exames orais.

Primeiro reto, o teatro

O teatro será a primeira modalidade á que se lle dediquen as sesións, que afondarán na expresión corporal, técnicas de desinhibición, a improvisación ou o deseño dun personaxe. Despois, como explica María Peña, “os alumnos irán esvarando cara a danza, onde é máis difícil entrar de golpe”. Nesta segunda parte os alumnos incidirán no control do corpo como recurso expresivo e traballarán nas sensacións derivadas da combinación de calidades de movemento e ritmo.
Nas once sesións que se impartirán na Casa das Campás, en horario de 17.00 a 19.00 horas, Juan Curiel, da compañía Os Quinquilláns; Kirenia Martínez, da compañía Entremáns; e Estela Loves, de Arraiana, serán os encargados de guiar os alumnos. A primeira clase celebrarase o 11 de marzo e continuarán, todos os mércores, ata finais de maio.
A inscrición para participar nesta actividade, gratuíta ata completar aforo, permanecerá aberta ata o 6 de marzo e poderá facerse na Vicerreitoría do campus ou achegando nome, apelidos, DNI e número de contacto ao enderezo campuspontevedra@uvigo.es. O ciclo estará recoñecido cun crédito de libre configuración.