DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As deseñadoras Eva Soto e Elena Rial forman parte dos nove seleccionados para esta pasarela

Das aulas de Esdemga aos focos do Ego

O 16 de setembro presentarán as súas coleccións nesta plataforma para novos talentos da Madrid Fashi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 02/09/2014

Unha oportunidade única para obter unha “visibilidade extraordinaria e amosar as túas cartas diante dos cazatalentos das principais empresas do sector”. Así ve Lola Dopico, a directora dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), o que supón para os deseñadores emerxentes ser seleccionados para o Samsung Ego, a pasarela para novos talentos da Madrid Fashion Week. Unha “gran pantalla” na que Esdemga estará de novo representada, posto que entre os 9 seleccionados e seleccionadas para a pasarela que terá lugar o martes 19 de setembro figuran dúas tituladas pola Universidade, Elena Rial e Eva Soto.

Nunha plataforma para novos talentos á que concorren estudantes e titulados de escolas de moda de todo o Estado, Esdemga estará presente unha vez máis, algo que vén sucedendo cada ano desde o nacemento deste título. “Igual non estiveron nas dúas edicións que hai cada ano, pero si que de cada promoción que saíu da escola houbo algún alumno que chegou ata o Ego”, salienta Dopico, que recoñece nesta selección un xeito de “ratificar a calidade da formación que reciben os nosos alumnos por parte dos circuítos profesionais”. No tocante á que será a edición número 60 da Madrid Fashion-Week, que se desenvolverá no Ifema entre o 11 e o 16 de setembro, terán cabida tanto unha representante da última promoción, Elena Rial, como unha titulada en 2008, Eva Soto, unha deseñadora que xa chamou a atención de fotógrafos de moda como Eugenio Recuenco ou de artistas de sona internacional como Lady Gaga.

No caso desta moza natural de Cambados, trátase da súa terceira presenza nunha pasarela á que xa acudiu en 2012 e 2013 e que define como “unha experiencia moi enriquecedora, que fai posible un intercambio con moita xente que se dedica ao mundo da moda”. Xunto con Pol, Miguel Álex e Víctor Von Schwarz, Soto é unha das catro persoas seleccionadas para repetir presencia na “pasarela máis importante para novos deseñadores de España, coa que te das a coñecer ante un público ao que non chegas en ningún outro sitio”, salienta. De feito, Soto destaca que, a raíz da súa presenza no Ego, xurdíronlle “moitas propostas para facer editoriais de moda fóra de España, en países como Francia, Estados Unidos ou Alemaña”.

Por outra banda, a selección de nove talentos emerxentes realizada para esta nova edición do Samsung Ego complétase con cinco creadores que nunca antes desfilaran en Cibeles, Leonor Pando, Beatriz Peñalver, David Catalán, Waverly e a viguesa Elena Rial, que recoñece terse “alegrado moito” cando recibiu a nova da súa selección, “xa que, aínda que se che pasan moitas cousas pola cabeza e pensas en todo o que queda por facer, esta pasarela é unha grande oportunidade”. Rial fai tamén énfase na visibilidade que esta pasarela pode achegar a súa traxectoria como deseñadora, ao tempo que incide no valor que ten “poder ver o teu traballo coa posta en escena dunha plataforma como esa”.

Unha colección que naceu en Debut

A colección coa que Rial se estreará o 16 de setembro no Ego, no desfile dobre que compartirá, precisamente, con Eva Soto, tivo a súa orixe na colección coa que obtivo o primeiro premio en Debut2013, o evento no que o alumnado de Esdemga presenta os seus traballos de fin de estudos. Para desenvolver ese proxecto, Rial tomou como inspiración a obra de Herny Darger, un escritor e ilustrador estadounidense que faleceu sen dar a coñecer a súa obra, un manuscrito atopado trala súa morte no que se basea a colección Vivian Girls, que presentou en Debut e que supón o punto de partida das propostas que achegará agora ao Ego. En Madrid, Elena Rial amosará unha colección Vivian Girls “con moitos cambios e moi ampliada” respecto da idea orixinal, pero co mesmo punto punto de partida. “É un proxecto moi persoal, que desenvolvín a partires da miña fascinación por Henry Darger, no que teñen moita importancia os estampados e os bordados e no que todos os acabados foron feitos a man”, relata.

Novas propostas baixo un mesmo selo

“É importante que quen vexa a túa colección, saiba que é túa”, apunta Eva Soto, que nestes días ultima os deseños que estreará na Mercedes-Benz Madrid Fashion Week e que, aínda que “non teñen nada que ver” coas propostas que achegou ás edicións anteriores, si manteñen unha serie de características que a fan recoñecibles. Non en van, manteñen un “selo de identidade”, que se basea no uso do patronaxe e na fusión de arte e moda, dado que Soto é tamén licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

Desta volta, a deseñadora cambadesa retornará a Madrid cunha colección inspirada no cerebro. “Primeiro céntrome un pouco no que e a codia cerebral a través dunhas estruturas moi marcadas, para logo abordar xa o que son os recordos en si”, adianta Soto duns deseños de “cores bastante fortes” e fundamentados nuns “patróns moi traballados”, a partires dos que crea as súas prendas cunha única peza de tea que vai pregando, “do mesmo xeito que o cerebro é un órgano único con moitos pregues”.