DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora e ex-alumna Eva Monroy inaugurou o ciclo De promesa a realidade

Das aulas da facultade á arte como profesión

Titulados de Belas Artes achegan a súa as experiencias profesionais aos futuros graduados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
M. Del Río DUVI 15/03/2013
Tras achegar aos estudantes a realidade profesionais das diferentes titulacións do campus de Pontevedra, a nova edición do ciclo De promesa a realidade ten parada desta volta na Facultade de Belas Artes. Ao longo de catro xornadas os estudantes do último curso e de mestrado do centro poden coñecer a verdadeira realidade do eido profesional, as saídas, os nichos de emprego, as demandas das empresas, as liñas emerxentes de traballo, etc. Esta iniciativa, posta en marcha pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, ten como obxectivo que “dun xeito próximo e cercano pola idade, antigos alumnos do noso centro, titulados hai cinco ou seis anos, lle expliques aos actuais estudantes cales foron as súas experiencias no mercado laboral”, explica o decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana.

Entre ambas promocións, a pesar de ter pasado poucos anos, existen substanciais diferenzas. Por unha banda, a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior e, por outra, a crise económica que se agudizou nestes anos e fixo incrementar o paro, en especial o xuvenil. Fronte a isto, o decano destaca a importancia de que o estudantado poida coñecer de primeira man as experiencias exitosas, os camiños que emprenderon catro titulados e tituladas do centro para converter a arte na súa profesión. Como indica Juan Carlos Meana, “tratamos de traer perfís variados”, xa que o mundo da arte é moi amplo e abrangue eidos tan distanciados como a docencia, a investigación, o deseño, a fotografía, a coordinación de museos ou galerías... un extenso abano que se tratará de reflectir ao longo deste ciclo.

A deseñadora Eva Monroy, primeira convidada

Os encontros cos egresados terán lugar os xoves ás 12.30 horas sendo a primeira convidada a deseñadora Eva Monroy este xoves. “O feito ter saído da facultade hai relativamente pouco tempo permitiu que empatizase co alumado e deixase de lado do desánimo xeral que reina entre os próximo graduados pola situación económica”, explica Meana.

Así, e baixo o título Se non atopas traballo, créano, Eva Monroy explicou ao estudantado as oportunidades que ofrece o emprendemento, buscar un nicho sen explotar que se poida converter en negocio, abrindo unha empresa e pondo en valor os coñecementos e a creatividade de cada un. Monroy é deseñadora e creadora de varias startups e especialista en márketing e comunicación online. Unha das súas incursións no eido dos negocios é Verdemarengo, unha axencia de márketing online especializada no desenvolvemento de negocios en liña e en comunicación 2.0. pero a súa formación na Facultade de Belas Artes permitiulle tamén achegarse ao mundo do deseño de xoiaría, sendo cofundadora de Vadanic.

Outras promesas en camiño de seren realidade

Tras Eva Monroy pasarán pola Facultade de Belas Artes ao abeiro deste ciclo outros tres profesionais que nos vindeiros xoves compartirán co alumnado a súa experiencia no campo laboral. O día 21 de marzo será o ilustrador Alberto Guitián o encargado de presentar este campo como outra vía de traballo para os titulados en Belas Artes. Xa á volta de Semana Santa, o xoves a de abril, achegarase ao campus a investigadora, docente e artista plástica Maribel Castro e unha semana despois, o día 11 de abril, pechará este ciclo de conferencias o ensaísta, comisario e cineasta José Manuel Mouriño.