DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante Desirée Rivadulla competirá na China nos Xogos Mundiais Universitarios

Das aulas de Fisioterapia ás olimpíadas universitarias

Tras ser seleccionada pola Federación Española de Taekwondo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/05/2023

“Faime moitísima ilusión. Cando chegou a convocatoria, nin o cría”, recoñece a estudante da Facultade de Fisioterapia Desirée Rivadulla da súa selección por parte da Real Federación Española de Taekwondo para participar nos Xogos Mundiais Universitarios, que se disputarán este verán na cidade chinesa de Chengdu. Consideradas as olimpíadas universitarias, trátase dunha competición bienal que reúne deportistas de 18 disciplinas procedentes de todo o mundo, á que a taekwondista do Costado SuhSport de Boiro acudirá por primeira vez co obxectivo tanto de chegar o máis alto posible a nivel deportivo como de gozar da experiencia que supón un evento no que, ao igual que nos Xogos Olímpicos, conviven deportistas de múltiples disciplinas.

“É unha grande experiencia e creo que o máis importante é poder gozar dela e, despois, se podemos loitar por algo, estaría xenial”, sinala a alumna do campus pontevedrés, tras ser incluída pola Federación Española entre a vintena de taewkondistas que acudirán ás tamén chamadas Universiadas. Organizados pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU), Chengdu acollerá entre o 29 de xullo e o 4 de agosto estes xogos de verán, inicialmente previstos para 2021, pero que os efectos da covid-19 na China obrigaron a adiar en dúas ocasións.

Neste evento deportivo, Rivadulla será a representante española na competición feminina de taekwondo de máis de 73 quilos, na que prevé que “o nivel sexa moi alto, polo que conseguir unha medalla estará difícil. Pero, por intentalo que non sexa”, salienta. Neste punto, a deportista pon de relevo que acudirá á máxima competición do deporte universitario “coa intención de conseguir o mellor resultado posible”, á vez que tomar parte nuns días de convivencia “con xente de diferentes deportes”.

Campioa de España e Universitaria

Unha prata no open internacional disputado o pasado mes de outubro en Holanda, un cuarto e un quinto posto no Campionato de Europa sub21 forman parte dos logros deportivos acadados ata a data por unha taekwondista que é tamén campioa de España júnior e sub21, ademais de bronce en categoría absoluta. Campioa de Europa por clubs en 2019, Rivadulla sumaba hai poucas semanas ao seu palmarés a medalla de ouro nos Campionatos de España Universitarios. “Vivinos de forma moi diferente a unha competición normal, porque ao final vas sen presión, a pasalo ben e  ademais sentinme moi acollida no equipo”, recoñece do torneo disputado a finais de marzo en Burgos e que, no seu segundo ano como alumna da UVigo, foi a súa primeira experiencia no CEU, despois de que non puidese competir en 2022, ao non reunir o torneo o número mínimo de deportistas do seu peso establecidos no regulamento para levar a cabo a competición.

“Repetiría sen dúbida”, recoñece Rivadulla, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), á vez que se forma na Facultade de Fisioterapia. “Á veces é difícil compaxinar. Temos moitas horas lectivas e tes que saber organizarte”, recoñece esta estudante, que incide na necesidade de “paciencia e organización” para combinar as facetas de deportista e de universitaria,  factores aos que hai sumar tamén as “gañas” coas que afronta ambas, “porque é un carreira que me gusta e que sempre quixen facer e porque o taekwondo é tamén o deporte que me gusta”. 

O campionato de España, seguinte reto

Ollando cara o seu futuro máis inmediato, Rivadulla pon o foco no Campionato de España sub21 que se disputa o 21 de maio e no que competirá por última vez. O seu obxectivo nesta proba e tratar de acadar novamente o ouro, que ademais daríalle acceso ao Europeo sub21, que terá lugar en decembro. “A tempada en si, acabaríase despois do Campionato de España e volvería empezar en setembro e aí o obxectivo será de novo gañar puntos para o ránking nacional”, engade, xa pensando na seguinte campaña, na que buscará tamén “intentar loitar polo ouro” no europeo, no caso de que consiga clasificarse, así como acudir a abertos internacionais que lle permitan “ir conseguindo puntos para o ránking olímpico”, xa que o seu soño “a longo prazo é ir subindo prazas” e intentar clasificarse para os Xogos Olímpicos.

A UVigo volve estar representada a través do taekwondo

Como sinalan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, non pode descartarse que outros estudantes da UVigo poidan ser convocados a estes Xogos Mundiais noutras modalidades, pero a selección de Rivadulla segue a facer do taekwondo o deporte que máis alumnado da institución viguesa levou ás Universiadas. De feito, na súa anterior edición, disputada en Nápoles en 2019, a UVigo estivo representada polos tamén taekwondistas Iván García e Alejandro Losada, mentres que en 2011 competiu Fernando Rascado, en 2009 Bruno García, e en 2007 Lúa Piñeiro.