DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante Ignacio Fernández acumula un dilatado palmarés estatal e internacional

Entre as aulas do Grao de Educación Primaria e a elite da competición en parabádminton

É un dos doce mellores xogadores do mundo na súa categoría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 02/10/2023

Ignacio Fernández é alumno do Grao de Educación Primaria na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Pero tamén é en parabádminton un dos doce mellores xogadores do mundo na categoría individual e terceiro na categoría de dobres mixto, cinco veces campión de España, bronce mundial e prata europea. Compaxinando os estudos universitarios e a competición, acaba de culminar unha tempada “magnífica” tanto no deportivo como no académico.

Dende o ano 2019 Ignacio Fernández compite coa selección española de parabádminton, pertencendo ao Club Bádminton Athlos Ourense, e actualmente adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD). Acadando a medalla de prata en DX WH1-WH2 no European Para Games 2023, no subcampionato de Europa celebrado en Rotterdam a finais de agosto, rematou unha tempada na que tamén conseguiu, entre outros galardóns, o bronce mundial en Toquio (en novembro de 2022) e ser proclamado dobre campión de España, individual masculino e dobres masculino (en maio de 2023), recoñecementos que se suman a unha xa dilatada lista de logros individuais, en equipo e coa selección española.  

“Unha tempada na máxima categoría do parabádminton internacional supón un sacrificio moi alto, dado que a esixencia de adestramentos é brutal, con dobres sesións, e coa renuncia á case totalidade da vida privada, debido a que dun xeito ou doutro o tempo libre é moi reducido”, sinala o estudante da UVigo, que deu o salto á competición internacional tras a pandemia. A pesar do cansazo que isto representa, Ignacio Fernández destaca que tamén supón unha oportunidade para “medrar e madurar” coa idea de que “os resultados quizás cheguen ou non, pero sempre debemos insistir, resistir, persistir e nunca desistir”. O deporte, lembra, “sempre formou parte da miña vida, ata o punto de que parte das miñas gañas por querer volver vivir e superarme tras o meu accidente comezaron a través do deporte”, primeiro competindo en fútbol, chegando a estar na selección española, e na actualidade en bádminton.

Superación, constancia e tesón

Mentres medra deportivamente, Ignacio Fernández aposta pola “moi difícil” tarefa de compaxinar a competición cos estudos universitarios. “O día soamente ten 24 horas e esas 24 horas case nunca son suficientes para adestrar e descansar, polo que se a iso lle sumamos ir á universidade, facer traballos académicos, estudar para os exames e todo o que significa un curso académico fai que o estrés se eleve aos seus máximos”, recoñece. A pesar deste esforzo e buscando “oco entre viaxe e viaxe, nos aeroportos, na habitación do hotel, entre partido e partido, para realizar tarefas, traballos ou estudar para exames”, o curso pasado conseguiu rematar as materias da titulación, deixando para este curso académico a realización do traballo fin de grao, o último chanzo para titularse. Moi satisfeito por ter conseguido sacar adiante tamén os estudos, recoñece que “encantaríame poder educar en valores aos discentes dende a miña propia experiencia e dotalos de todos aqueles contidos necesarios para que a sociedade futura que nos acompañe sexa máis capaz”.

Loxicamente, apunta Ignacio Fernández, compaxinar o deporte internacional e os estudos universitarias é “un camiño complicado, pero eses segundos de gloria tras gañar un partido ou obter unha medalla nunha competición son máxicos, facendo que toda dificultade mereza a pena”. No seu camiño de superación persoal, ten palabras de agradecemento para os seus pais e irmáns, “xa que eles sen dúbida son os gañadores de todo isto creando en min o xermolo necesario para que eu, tras o meu accidente, entendese a vida dende un enfoque de superación, constancia e tesón”, e tamén parta o seu Club Bádminton Athlos, o CGTD e a Fundación Andrea, ademais de para as súas amizades.