DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Dirección e Xestión Pública crea dous blogs para analizar este concepto

As aulas tamén demandan transparencia na Administración

Concideran que sen ela, non pode existir unha verdadeira democracia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 16/01/2014

Máis ca nunca, a transparencia é un tema de actualidade, a transparencia ou a falta dela. Ben o saben os estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública que, na súa materia de Xestión de Documentos e Información Administrativa, puxeron en marcha dous blogs cos que pretenden arroxar algo de luz sobre un concepto que consideran “sinónimo de democracia”. Coordinados polo profesor Xosé Mahou e divididos en dous grupos de 15 persoas idearon e dotan de contido estes dous portais, H2O e Hablemos de ¿transparencia?.

“Basicamente, a transparencia é abrir as organizacións e as institucións á cidadanía e facela copartícipe da decisión e do deseño das políticas públicas”, apunta Mahou. O obxectivo desta iniciativa é que os alumnos e alumnas “coñezan o grao de transparencia da Administración e traten de avaliar e analizar as diferentes fontes de información”, explica o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Claridade no uso do diñeiro público fronte á corrupción

“Que mellor que a auga para invocar a transparencia de algo?”, pregúntase Gemma Rega, unha das 15 integrantes do grupo que puxo en marcha o blog H2O. Este portal ten como obxectivo “dar a coñecer entre a comunidade universitaria e entre o público en xeral un fenómeno tan de actualidade como é a transparencia”. Un fenómeno que entenden debería abranguer non só ás administracións, senón a toda aquela institución que se nutra de fondos públicos; institucións e organismos que, para ser transparentes, terían que “ofrecer unha información veraz e puntual de onde invisten os seus recursos e como adxudican as súas obras”, apunta Rega. “Tristemente, o noso país ten unha longa historia de corrupción e abuso de poder, polo que si queremos asemellarnos aos países da nosa contorna, temos que rachar con iso e sumarnos ao carro da claridade no emprego de fondos públicos, para que a nosa sexa unha democracia en toda a extensión da palabra”, engade.

Entender a transparencia como un sinónimo de democracia leva aos estudantes a concluír tamén que a recentemente aprobada Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, chega “con moito retraso, porque transparencia debería ser precisamente sinónimo de democracia”. Os avances que implica este novo marco legal foron loxicamente, un dos puntos centrais da análise efectuada en H2O, blog no que desde finais de novembro se foron incorporando unha serie de entrevistas, tanto escritas como en vídeo, a representantes de diferentes administracións públicas, unha serie de artigos con versións en galego, castelán e inglés ou os diferentes ránkings elaborados pola organización Transparencia Internacional. Segundo relatan os seus responsables, a páxina está a rexistrar un “elevado número de visitas”, polo que manifestan a súa vontade de darlle continuidade, “polo menos durante o noso paso pola facultade”.

Un modo de fomentar a participación cidadá

Entrevistas a diferentes profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a análise dos ránkings de Transparencia Internacional figuran tamén entre os contidos do outro espazo xurdido destas aulas de Ciencias Sociais e da Comunicación, Hablemos de ¿transparencia?. “Parécenos unha iniciativa moi positiva, porque nos permite aplicar os coñecementos aprendidos na clase e fomenta o traballo en equipo”, apunta Andrés Tierno, un dos alumnos responsables dun blog que pretende ofrecer “unha idea global da transparencia e das súas vantaxes”. Concretamente, incide en que facer que todo o mundo teña acceso á información sobre como se inviste o diñeiro público contribuirá a “fomentar a participación cidadá e, sobre todo, a xerar confianza nas institucións”.

Na súa análise, este grupo puido comprobar como España se atopaba nos ránkings internacionais de transparencia “nunha posición un tanto baixa para un estado democrático; son uns datos un tanto desalentadores”, engade. Mais o certo é que medidas como a Lei de Transparencia permiten contemplar o futuro con esperanza. “Imos polo bo camiño, pero aínda non se ten feito todo o necesario”, afirma Tierno.