DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo as proxeccións feitas nun estudo por investigadores do grupo EPhysLab

O aumento da humidade traerá máis precipitacións no sur e oeste da área continental mediterránea a finais de século

Os seus resultados acaban de ser publicados na revista 'Nature Communications'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 17/10/2023

Entre as liñas de investigación do grupo Environmental Physics Laboratory (EPhysLab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo está o impacto do cambio climático nos patróns de circulación atmosférica e na posición e influencia das fontes de humidade. Nun novo artigo publicado na revista Nature Communications, membros deste grupo expoñen as proxeccións deste impacto, considerando o peor dos escenarios climáticos, no transporte de humidade atmosférica no Atlántico norte e no Mediterráneo para mediados e finais deste século. Entre as conclusións apuntan que o aumento de humidade traerá máis precipitacións no sur e oeste da área continental mediterránea.

O artigo, titulado Projected changes in atmospheric moisture transport contributions associated with climate warming in the North Atlantic, está asinado por parte de EPhysLab polo persoal investigador Luis Gimeno, Raquel Nieto, José C. Fernández, Albenis Pérez e Jorge Eiras, completando o equipo Stefan Rahimi, da University of Wyoming, de Estados Unidos. Foi realizado no marco do proxectos Setestrelo, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Xunta de Galicia. “Actualmente coñécese que o quecemento global (conxuntamente cos cambios nos patróns de circulación atmosférica asociados a el) está a alterar a posición e intensidade das distintas fontes de humidade a escala global. Estas rexións fonte están caracterizadas por achegar máis auga á atmosfera da que reciben, e son cruciais para o mantemento do ciclo hidrolóxico”, sinalan os autores do traballo.

Proxeccións no escenario máis pesimista

O estudo publicado en Nature Communications baséase nunha metodoloxía multimodelo, empregando para as simulacións realizadas datos de diferentes fontes (como CESM2 e ERA5) e ferramentas como WRF-ARW e FLEXPART-WRF. Centra o seu enfoque en dúas das principais fontes de humidade globais: o océano Atlántico norte e o mar Mediterráneo, analizando a súa evolución ao longo das décadas restantes do século XXI para inferir a súa influencia sobre os continentes colindantes a finais do mesmo. A península ibérica, "sumidoiro de humidade especialmente relevante pola súa posición estratéxica", ten tamén un papel destacado neste estudo liderado polos profesores do campus de Ourense Luis Gimeno e Raquel Nieto. Para as proxeccións escolleron o coñecido como escenario climático SSP5-8.5, un escenario de comportamento humano e desenvolvemento social integramente baseado no uso de combustibles fósiles. “Este escenario, aínda que en extremo pesimista, permite amplificar e detectar mellor os cambios potenciais que aqueles nos que a emisión de gases de efecto invernadoiro vese minguada. Por tanto, os resultados presentados neste estudo deben entenderse como sinais amplificados da realidade esperable”, comenta Luis Gimeno.

Segundo explica o equipo investigador, as simulacións realizadas no estudo amosan, entre outras cuestións, “como a humidade procedente do Atlántico norte fará aumentar as precipitacións na costa este de NorteAmérica no inverno e outono, así como das Illas Británicas nos meses de inverno”. Ademais, a precipitación asociada co océano Atlántico norte diminuirá en Europa occidental e África. Polo que respecta ao mar Mediterráneo indícase no artigo que a súa humidade “xogará un papel relevante no incremento das precipitacións nas rexións sur e oeste da área continental mediterránea así como na diminución das precipitacións en Europa oriental”. Os procesos de ‘reciclaxe’ (procesos que desencadean precipitacións cuxa orixe radica na evaporación sobre a propia rexión) tamén son analizados no artigo, concluíndo que en rexións como a península ibérica estes veranse reforzados para os meses de inverno, aumentando en todas as estacións excepto en verán para mediados de século. Finalmente, prevese que o cambio climático “modifique o transporte de humidade atmosférica, afectando en maior ou menor medida aos ciclos hidrolóxicos rexionais”.