DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Yolanda Herranz inaugura no MARCO unha mostra na que xoga coa forza dos conceptos

'...No, aún no...', identidade e uso da palabra no centro da creación artística

A catedrática da UVigo incorpora a frase por vez primeira na súa traxectoria artística

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 06/03/2020

Unha selección de obras nas que Yolanda Herranz xoga co sentido e a forza dos conceptos, convertendo a palabra en dimensión e enerxía artística conforman ... No, aún no …, a exposición que desde hoxe se pode visitar na sala de proxectos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO. “As dúas salas, que son moi distintas, porque realmente o son, teñen un fío condutor fundalmente en canto aos conceptos ou aos problemas, porque tratan da identidade. A primeira sala é un traballo no que me proxecto máis no social e a segunda sala é unha mirada máis interior, pero en todos o casos a identidade é o centro”, explicou este mediodía a catedrática da Universidade de Vigo no acto de presentación da súa obra, no que estivo acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid e o vicepresidente do padroado do Museo, Abel Losada. 

Xunto á identidade, Herranz destacou que hai outro elemento que une as dúas salas que conforman a mostra e que é o uso da palabra, material artístico co que traballa hai máis de tres décadas. Non obstante, nesta mostra, hai un trazo diferenciador respecto da traxectoria da artista e é a existencia de frases. “Non traballo así. O traballo anterior céntrase na palabra como concepto, polo tanto moitas veces son termos que se enfrentan en si memos ou en dualidades, ás veces irresolubles ou absolutamente antagónicos. Pero neste caso non, é un espazo que xorde dunha mirada distinta cara ás cousas, desde unha experiencia personal, que neste caso é unha experiencia dura, que pero que tamén deu título ao proxecto, A arte sanda, A arte cura”, explica Herranz, en alusión á arte como unha vía de superación.

Precisamente ao uso da palabra como fío argumental referíuse o director do MARCO na súa presentación, na que tamén apuntou á que considera como unha peculiaridade da catedrática de Escultura da Facultade de Belas Artes, “que en lugar de ir ao lado máis político, á acción directa, ten un punto poético, porque as súas propostas pasan pola emoción persoal”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo destacou a capacidade da artista de ligar palabra e imaxe, asegurando que “é unha soberbia mostra de entender a identidade humana”.

A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro 14 de xuño, está comisariada polo director do MARCO e por Pilar Souto Soto.

Un percorrido pola mostra 

A serie El mí y el tú, do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7) marca o inicio da mostra, da rotundidade da mensaxe a unha refinada claridade visual e no que o xeito de resolver a obra ten algo de baixorrelevo, de relato obxectivo. Xunto a ela, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) evoca ausencias e reclama presenzas: a idea dos pasos perdidos, do camiñar errante, da busca de destino, da soidade no grupo... da identidade.

A exposición prosegue con obras producidas para esta mostra: SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí parte dunha acción do mesmo título (realizada en 2015) na que se recitan dúas series de 690 palabras que empezan por 'a', en feminino e plural, por orde alfabética, recollidas do dicionario de RAE, referidas unhas ao ser e outras ao estar das mulleres. En vez de documentar a acción con fotografías, Yolanda Herranz prolóngaa levando a palabra á parede, en vinilo vermello sangue, como conxunto e na súa disposición ten algo de manifesto, e é natural recibila como o paso do individual ao ton coral. Un labirinto de texto en vinilo ouro, ...No, aún no..., atrapa a mirada do espectador na súa lectura infinita, modular, reiterada, a xeito de voz que se confunde e multiplica nos seus ecos.

Esta obra dá paso ao traballo máis novidoso. Yolanda Herranz céntrase na identidade persoal, cunha obra poética,íntima, drástica, unindo textos e unha serie de once autorretratos indagatorios. Fronte ao retrato como a mirada recoñecida e compracente dooutro, o autorretrato como pregunta inqueda, mirada tensa, interior e se un intenta perdurar no tempo o outro pregunta pola perda do presente e cuestiona ou afirma a identidade. El arte sana / El arte cura (Autorretratos) é a resposta da artista a unha situación persoal de extremo desacougo, cando percibe que o que quere desaparece e a arte sérvelle para formular preguntas que lle permiten entender ou polo menos convivir con esa realidade esquiva.