DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A categoría feminina gañou por un axustado marcador e a masculina perdeu contra o favorito

O Auriense Fútbol Gaélico retoma a competición cunha vitoria e unha derrota ante Irmandinhos

Os encontros de rugby e baloncesto comezarán esta fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 08/01/2018

Tralo descanso de Nadal, as competicións deportivas nas que o campus de Ourense ten representación comezan a retomar a súa actividade. Os máis madrugadores foron os xogadores e xogadoras do Auriense Fútbol Gaélico, que o domingo 7 de xaneiro se desprazaron ao Campo Novo de A Estrada para xogar nun dobre enfrontamento co Irmandinhos. A categoría feminina gañou por un axustado marcador de 46(13-7) - 48(12-12) e a masculina perdeu por 34(7-13) - 16(3-7).

O resultado acadado polos equipos do Auriense confirmaron as expectativas previas, xa que as xogadoras partían como favoritas e os xogadores eran conscientes de que se trataba dun “partido moi complicado” contra o actual campión e subcampión ibérico e “onde o importante era realizar un bo papel sen ter en conta o resultado final”. Tras estes encontros co Irmandinhos, a primeira fase da liga rematará esta fin de semana coa visita a Ourense do Keltoi de Vigo, unha cita que desde o club ourensán sinalan que será “unha nova oportunidade para achegarse ata o campo da Universidade e coñecer un dos deportes en auxe en Galicia”.

Próximas citas en rugby e baloncesto

O domingo 14 de xaneiro volverá á competición o primeiro equipo de rugby. O Campus Universitario Ourense Coosur disputará a xornada 14 do grupo A da División de Honra B do rugby estatal recibindo nas instalacións universitarias ao Crat A Coruña. Os xogadores de David Monreal retomarán a liga despois de rematar 2017 situados no sexto posto da táboa, con seis vitorias e seis derrotas.

Polo que respecta ao baloncesto, o Universitario Campus de Ourense comezará a competición o sábado 13 de xaneiro. A categoría feminina, situada no terceiro posto do seu grupo da primeira división autonómica, recibirá ao CLB, e a masculina, que lidera o seu grupo na segunda división, enfrontarase tamén na casa ao Illa de Arousa.