DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Carlos Caneiro e José Francisco Fernández serán algúns dos convidados

Aute abrirá unha nova edición dos ‘Encontros Literarios’ centrados na relación entre música e literatura

Comezarán cunha conferencia do cantautor o luns 17 de xaneiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 12/01/2011
A música e a literatura, e de xeito especial a poesía, sempre tiveron unha íntima relación. A letra é parte esencial das cancións e a poesía vai cargada de música e melodía. Esta simbiose entre musica-literatura será o fío condutor dos XXI Encontros Literarios do Liceo, que contarán coa participación do cantautor Luis Eduardo Aute e dos escritores ourensáns José Francisco Fernández Naval e Xosé Carlos Caneiro.

Durante o acto de presentación dos encontros, organizados polo Liceo en colaboración coa Vicerreitoría do Campus e a Deputación Provincial de Ourense, foi especialmente lembrada a figura do escritor Marcos Valcarcel, que desde 2003 e ata o seu falecemento en decembro de 2010 coordinaba esta actividade. “Marcos Valcárcel sentía estas xornadas literarias, era un home que se dedicaba en corpo e alma aos temas culturais de Ourense” quixo salientar o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar. Unha emotiva lembranza compartida polo xerente do Liceo, José Luis Troitiña, que tamén lembrou a figura de Carlos Casares como promotor destes encontros.

Pola súa banda, a vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, salientou “a importancia de actividades coma esta onde converxen e colaboran tres institucións” e destacou a contribución destes encontros “para manter viva a vida cultural da nosa cidade”.

Tres citas literarias

A primeira cita dos XXI Encontros Literarios será o 17 de xaneiro, ás 20.15 h, na Aula de Cultura do Liceo, coa conferencia Animalario do cantautor Luis Eduardo Aute. A súa visión da relación música e literatura é especialmente interesante porque ademais de compoñer as súas propias letras, Aute ten publicados varios libros de poesía, entre os que se atopa a colección animalHada, da que toma o título a conferencia que ofrecerá en Ourense.

José Francisco Fernández Naval será o seguinte protagonista das xornadas. O poeta ourensán, que conta cunha ampla produción literaria en diferentes xéneros, ofrecerá unha conferencia baixo o título O Ritmo da Choiva o luns 24 de xaneiro, tamén ás 20.15 h na Aula de Cultura do Liceo. Para rematar os encontros, o día 3 de febreiro, unirase a música e a literatura nun recital poético titulado Poemas de Amor para Tempos Difíciles, a cargo do tamén escritor ourensán Xosé Carlos Caneiro e acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado.

Serán tres días de actividades coas que, tal e como sinala o xerente do Liceo, agardan conseguir “unha maneira sinxela de achegar a literatura á xente máis nova” e “continuar traendo literatura de alto nivel a Ourense”. As conferencias son abertas ao público.