DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico ofrece un curso para mellorar a percepción propia a través da interacción

A autoestima, clave para unha vida sá, satisfactoria e produtiva

As dinámicas de grupo serán o fío condutor do obradoiro que ten aberto o prazo de matrícula ata o xo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
B. Vega DUVI 13/05/2014

O conxunto dos pensamentos e sentimentos sobre nós mesmos, a nosa forma de ser e comportarnos respecto do noso corpo e do carácter. A autoestima é, en resumo, a percepción avaliativa de nós mesmos, “un factor crítico que afecta ao axuste psicolóxico e social e un dos recursos máis valiosos” apunta Rocío Iglesias, responsable do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo. Desenvolvela require do traballo en “técnicas que fomenten a interacción, a adopción de valores e o desenvolvemento de capacidades cognoscitivas” para o que a Universidade ofrece ao seu alumnado o curso Dinámicas de grupo para fomentar a autoestima.

“Froito da observación diaria do alumnado, atopo estudantes con grandes capacidades, pero con dificultades para abandonar a primeira adolescencia e asumir responsabilidades” sinala Iglesias, coordinadora do curso, apuntando a que a sensación de protección desta etapa adolescente ten moito que ver. Non en van, o obradoiro está deseñado para contribuír á súa formación como persoas e colaborar no cambio de mentalidade “de estudantes dependentes a profesionais independentes”. O obxectivo é que a aprendizaxe se torne máis eficaz, o estudo máis produtivo, sexan capaces de aproveitar mellor as oportunidades, desenvolver relacións gratificantes e ser autosuficientes.

A dinámica de grupo é a técnica escollida para este curso xa que, a través da interacción, os participantes poderán adquirir valores como o compañeirismo e o respecto aos demais e fomentar a súa capacidade creativa e de toma de decisións. Ademais, a través del conséguese "que abandonen o rol pasivo propio das clases maxistrais e acaden un papel activo no proceso de aprendizaxe” afirma Iglesias, engadindo que deste xeito “aumentarán a súa autoestima ao escoitar e ser escoitados”.

Unha ferramenta fundamental

A autoestima é considerada como unha das ferramentas fundamentais á hora do desenvolvemento persoal e social. Mentres que mantela alta permite “levar unha vida sá, satisfactoria e produtiva”, a súa perda pode ir asociada a síntomas psicopatolóxicos como as reaccións de ansiedade, os síntomas depresivos, a procrastinación, as condutas agresivas e antisociais ou o consumo de drogas. A motivación, o respecto, a aceptación, a comunicación asertiva, o positivismo e a superación da inseguridade son claves para a recuperación da autoestima e “a posta en marcha das actividades desenvolvidas no obradoiro e o traballo sobre as mesmas axudarán ás persoas a ser e estar seguras de sí mesmas” conclúe Iglesias.

O obradoiro desenvolverase os días 20, 21 e 22 de maio entre as 11 e as 13 horas na sala 2 do Edificio Miralles. Dirixido ao alumnado da Universidade de Vigo, o curso ten un prezo de 4,5€ (3€ para os bolseiros). O prazo de matrícula está aberto ata este xoves 15 de maio e para inscribirse só é preciso poñerse en contacto co Servizo de Extensión Universitaria onde informarán dos pasos a seguir.