DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico do campus traballa co alumnado na mellora do concepto que ten de si mesm

Autoestima e técnicas de aprendizaxe para mellorar o éxito académico

Do 16 ao 23 de novembro terá lugar un curso de lectura rápida e mapas mentais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/11/2012

Dous dos problemas máis frecuentes que teñen os alumnos e alumnas á hora de mellorar o seu rendemento académico son as barreiras psicolóxicas que se impoñen a si mesmos pola falta de autoestima e o descoñecemento das técnicas de aprendizaxe áxil. Para mellorar nestes dous aspectos, o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense está a organizar diferentes actividades formativas na que o estudantado ten a oportunidade de seguir medrando como persoas e sobre todo como persoas cuxa tarefa primordial na actualidade é aprender novos coñecementos. O éxito, salientan as organizadoras das actividades, comeza por tomar conciencia do que cada un é e do que quere ser.

“Para que unha persoa teña os niveis de autoestima ben o fundamental é traballar o autoconcepto, ser consciente de como describo a min mesmo, de como me valoro, de como me falo ou de como vexo o meu corpo. É o paso imprescindible para poder actuar sobre eses aspectos que me están limitando”, advirte Conchi Cochón, a técnica do Gabinete Psicopedagóxico encargada de coordinar o grupo de traballo en autoestima, grupo formado por estudantes do campus interesados en desenvolver este aspecto da súa personalidade.

O problema das persoas coa autoestima baixa, explica Cochón, "é que dependen moito da aprobación dos demais, porque eles mesmos non son capaces de valorar o que fan ou o que son”. Para mudar esta dependencia do que "os demais din" a psicopedagoga salienta que “o importante é que primeiro te coñezas a ti mesmo e que vexas os teus pequenos éxitos do día a día”. A autoestima, explica, non é algo innato, senón que “é educable ao longo da vida e, aínda que costa facelo, é posible mellorala moito”. Con esta filosofía o grupo de autoestima traballou recentemente nunha sesión conxunta estes conceptos e agora cada un dos seus membros segue individualmente avanzando neste reto co obxectivo último de que repercuta postivamente no seu rendemento académico.

Curso de lectura rápida e mapas mentais

Seguindo coa súa programación de actividades, o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense organizará do 16 e 23 de novembro un curso de lectura rápida e mapas mentais, titulado SpeedReading e Mind Mapping, de dez horas de duración. “Con este curso quremos que os participantes teñan un incremento mínimo da velocidade de lectura do 200%, para estudar mellor e máis rápido, para ler informes, para tomar decisións e para aumentar a comprensión, a creatividade e a memoria”, explica Isabel Ferreiro, tamén técnica do Gabinete Psicopedagóxico.

Con este obxectivo, o método de traballo do curso está enfocado á potenciación do hemisferio dereito do cerebro na lectura. “Este obradoiro non ten un método milagroso, está baseado nas modernas teorías da percepción, na estrutura profunda da linguaxe e no descubrimento de procesos cognitivos que podemos utilizar no noso beneficio”, advirte a psicopedagoga. Dirixido a estudantes da Universidade de Vigo, a iniciativa quere ofrecerlle aos alumnos e alumnas participantes un conxunto de técnicas fáciles de aprender e de empregar para dar o paso necesario para mellorar o seu rendemento académico.