DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clausura das IV Xornadas sobre tecnoloxías e solucións para a automatización industrial

A automatización, a mellor defensa contra a man de obra barata

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 19/11/2010

Foi unha semana de traballo con 150 profesionais e con máis de 800 asistentes na que quedou patente que o futuro do tecido empresarial galego pasa polas automatizacións. As IV Xornadas sobre tecnoloxías e solucións para a automatización industrial, JAI 2010, pecharon hoxe as súas portas coa sensación do traballo ben feito e de ser o sector que impulsa a economía galega. “Hai que desterrar a idea de que a automatización resta postos de traballo. PSA Peugeot-Citroën é un bo exemplo: na década dos 70 tiña dous robots e agora ten máis de 1800 xunto con mil autómatas que serven para fabricar máis pero tamén para xerar máis emprego”, salientou Pierre Ianni, director xeral da factoría.

Unha gran baza que non só sirve para ser competitivos a nivel rexional, senón tamén internacional, onde os nosos competidores son países con mano de obra barata e baixo costo. “Non competimos nas mesmas condicións, pero si temos que dar baixos prezos. Estas xornadas contribúen a salientar a importancia do desenvolvemento do I+D e da súa aplicabilidade, só falta que os investigadores fagan un esforzo extra por fixarse nos procesos que se están a levar a cabo”, rematou Ianni. Unhas verbas que corroborou no seu discurso Teresa Pisano, delegada do Estado na Zona Franca. “A automatización aporta ás empresas un elemento de competitividade extraordinario en Europa e axuda a facer frente a economías emerxentes nun momento no que as empresas teñen que remarcar a súa posición no mercado”, relatou.

Abaratamento de costes no produto final que só trae “vantaxes para o consumidor” no sétimo país do mundo “con maior número de robots instalados” e que en Galicia ten aos sectores da automoción e do téxtil como pioneiros. “A automatización ten un papel moi importante na transferencia de tecnoloxía e na modernización do proceso produtivo pola elevada cualificación técnica dos traballadores, a súa adaptación ás necesidades empresariais e o gran potencial que ten”, recalcou Pisano.

Binomio empresa-universidade

As JAI fanse maiores e as máis de 30 horas de relatorios que acolleron nesta cuarta edición demostran que está “gañando relevancia no mundo profesional, algo moi importante porque incide no achegamento entre Universidade e empresa”, asegura José Ignacio Armesto, coordinador das xornadas. Unha colaboración entre ambos sectores que para o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, está obtendo “magníficos resultados”. “As xornadas son unha mostra da pegada que teñen os estudos aplicados á realidade empresarial. A investigación serve de catalizador do progreso e a situación actual obriga a replantexarse o sistema produtivo e a sentar as bases dun novo futuro da man de Universidade e empresa. A innovación é a nosa aposta estratéxica de futuro e por iso nuns orzamentos autonómicos que baixan o 11% este ano a partida destinada a Universidade e investigación está blindada”, suliñou Vázquez.

Obxectivo cumprido para unhas xornadas que fan visible a estreita relación entre a aposta por I+D das universidades galegas e o tecido empresarial para “catapultarnos a tempos mellores “, como destacou o director xeral de Caixanova, José Luis Pego, e para “seguir ofertando o desenvolvemento tecnolóxico que precisa a economía galega para conseguir crecer e conquistar novos mercados”, como asegurou o director xeral do IGAPE, Joaquín Varela.