DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea é pola en marcha o vindeiro curso co grao en Dirección e Xestión Pública

Avanzan as negociacións entre Vigo e Sao Paulo para conseguir unha dobre titulación hispano-brasileira

O acordo abre as portas ao mercado de traballo dun país estratéxico no que o desemprego apenas alcan

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/03/2013

As universidades de Vigo e São Paulo traballan xuntas na posta en marcha dunha dobre titulación internacional, neste caso para o grao en Dirección e Xestión Pública, o que lle permitiría a alumna ou alumno acadar un título oficial recoñecido tanto en España como en Brasil, un país considerado como estratéxico, tanto polo elevado apoio que están a dar ao ensino superior como pola súa boa situación en canto a mercado de traballo, xa que nestes intres as súas cifras de desemprego non superan o 4%. O acordo permitirá pois dotar ao alumnado de máis vantaxes competitivas no eido laboral e facilitarlles unha maior mobilidade entre países.

Co estado das negociacións xa moi avanzado, a idea é que ambas universidades poidan ofrecer a posibilidade da dobre titulación o vindeiro curso, segundo adiantaron esta mesma mañá o profesor Alessandro Soares da Silva, docente do Grao de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de São Paulo, e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesais, que non dubidou en subliñar que a implantación de dobres titulacións dá un valor engadido importante aos programas de estudo de calquera universidades, especialmente se se trata dun país como Brasil e, en xeral, toda Latinoamerica “xa que ao estar fóra do Espazo Común Europeo permite acreditar profesionalmente ao noso alumnado nun espazo ao que non lles é tan sinxelo acceder”, subliñou, ao tempo que explicou que o establecemento de dobres titulacións con Brasil tamén será un aliciente para incrementar o número de estudantes brasileiros que visitan a Universidade de Vigo baixo o amparo do programa Ciencia Sen Fronteiras, que financia integramente o goberno brasileiro.

A falta de ultimar os detalles concretos, o alumnado matriculado na dobre titulación tería a posibilidade de estudar un mínimo de un e un máximo de dous anos na universidade socia e, unha vez superados todos os créditos da titulación, obter os títulos de ambas universidades. Coa actual estrutura dos plans de estudo de catro anos, a idea é que o alumnado español curse os seus estudos en Pontevedra os primeiros dous anos, mentres que terceiro ou cuarto, “ou incluso ambos”, se cursen na universidade socia, neste caso Brasil.

Alianza estratéxica

Ao encontro co vicerreitor asistiu tamén o profesor do grao en Dirección e Xestión Pública, Álvaro Xosé López Mira, e o profesor de Historia de América na Universidade de Vigo, Carlos Sixirei, que destacaron que este acordo, ademais dun motivo de orgullo “xa que se trata da universidade máis prestixiosa de Latinoamérica”, supón establecer unha alianza estratéxica cunha universidade de “ enorme categoría, tamaño e recursos”. “Ninguén dubida xa de que Brasil é unha gran potencia mundial que acadará cada vez máis protagonismo e, ademais, é un país que está a facer enormes esforzos tanto en educación como en I+D+i”, recalcou López Mira.

Durante o proceso de negociacións resultou tamén determinante o feito de que se trata de dúas universidades que pertencen á mesma área lingüística, o que achega toda unha serie de vantaxes engadidas á hora de establecer relacións con Brasil que outras universidades españolas non teñen e, doutra banda, “tampouco hai que esquecerse que Vigo forma parte dos proxectos universitarios da Unión Europea e, en consecuencia tamén pola nosa banda estamos a facer unha oferta que é valiosa e importante para unha universidade latinoamericana que ve como se abre un espazo novo de colaboración universitaria que non só abrangue o estado español, senón que vai moito máis alá”, recalcou o profesor Sixirei.

Posible posgrao conxunto en Historia

Aínda que nun estado menos avanzado, as negociación esténdense tamén á Facultade de Historia do campus de Ourense, se ben, acadar unha dobre titulación semella máis difícil xa que o programa de estudos do Grao en Historia que se imparte na Universidade de Vigo inclúe moitas materias tanto de Arte como de Xeografía, mentres que no caso da titulación brasileira cíñese máis estritamente ao eido histórico. Estas diferenzas dificultan a posibilidade de conseguir a dobre titulación, cando menos a curto prazo, polo que se traballa xa na posibilidade de establecer unha titulación conxunta de posgrao.

1ª Universidade de América Latina

100.000 alumnas e alumnos de grao, 30.000 de posgrao, 6.000 docentes, máis de duascentas titulacións de grao e outras tantas de posgrao... son algunhas das cifras que mellor describen a Universidade de São Paulo que este ano se colou no posto 19 do Ranking Web de Universidades, tamén coñecido como Ranking Webometrics, unha posición máis que destacada xa que todos os primeiros postos están copados por universidades estadounidenses e inglesas e no que non aparece ningunha universidade española ata o posto 76. “É a primeira universidade de América Latina e nela só hai profesores doutores coa oposición gañada”, subliñou o profesor Soares da Silva, que destacou tamén que nesta Universidade “se produce o 30% da produción científica do Brasil”.

Conferencia en Pontevedra

A raíz da súa visita á Universidade, o profesor Alessandro Soares da Silva, impartiu esta semana no campus de Pontevedra a conferencia Política e sistema político no Brasil actual, destinada, principalmente, a estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública, onde o profesor puxo ao día ao alumnado pontevedrés sobre as institucións, o federalismo, a presidencia da República e o papel protagonista que Brasil, proximamente quinta potencia económica mundial, quere desenvolver no mundo en concordancia con ese novo estatus.