DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con esta vitoria o Universidade de Vigo de xadrez é campión en todas as categorías e modalidades

Avelino Leirós, coroado como mellor xadrecista galego veterano

O xogador vigués representará a Galicia no Campionato de España que se celebrará en outubro en Alaca

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 02/04/2013

Non hai categoría nin modalidade que se lle resista ao combinado vigués. O xogador do Universidade de Vigo de xadrez Avelino Leirós acaba de coroarse como Campión Galego Veterano na que foi a súa primeira participación nunha competición integrada por xadrecistas maiores de 55 anos e que se disputou durante esta Semana Santa no Hotel Sacala de Padrón. Este título converte ao club vigués en campión galego de cada unha das competicións, desde as categorías de base ata a de veteranos, pasando polos torneos en equipo, a Copa Galicia, as probas universitarias e “un longo etcétera” que completa a ampla lista de logros acadados pola Sección de Xadrez da Universidade de Vigo desde a súa creación no ano 2003.

Avelino Leirós acadou este título sen coñecer a derrota. Cinco vitorias, dous empates e seis puntos que fixeron ao xogador vigués inalcanzable para uns rivais aos que deixou sen opcións durante as sete roldas do encontro. Mención especial merece outro xogador vigués do campionato, Julio Salgado, un duro competidor que aos seus 83 anos conseguiu a medalla de prata con 5,5 puntos e compartindo co líder a honra de rematar o torneo invicto. Unha mostra de que “o xadrez non coñece idade e de que a súa práctica é o mellor dos ximnasios para a mente”, como salientou o capitán do equipo vigués, Pablo García. O terceiro posto foi para José Antonio Sardina Paramo, do Club Karpov de Pontevedra, que rematou con 5 puntos.

Unha carreira repleta de éxitos

Acadar o título de Campión Galego Veterano supón un novo éxito para Avelino Leirós, que suma deste xeito o seu terceiro logro individual dentro dun amplo palmarés no que destaca o de ser o primeiro Campión Galego Absoluto despois de constituírse a liga galega de xadrez. Con esta contundente vitoria, Leirós obtivo unha praza para representar a Galicia no Campionato de España de Veteranos, que se celebrará entre o 5 e o 13 de outubro en Alacante.