DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tania Martínez presenta no campus o seu último libro

Unha aventura literaria a través da obra do escritor Antonio Pereira

Pretende ser unha guía didáctica para escolares

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/04/2019

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este martes a presentación do libro Una aventura literaria con Antonio Pereira, realizado pola profesora Tania Martínez. A obra é unha guía didáctica sobre o escritor berciano que pretende dar a coñecer a traxectoria vital e literaria deste autor entre as e os escolares de Primeira e Secundaria.  

Noelia Estévez e Eduardo Tobar, profesores do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo, foron os encargados de organizar esta presentación no marco das materias que imparten na Facultade de Ciencias da Educación. Sobre o interese do acto Noelia Estévez indicou antes da súa celebración como “é unha novidade que haxa unha autora que faga unha guía didáctica a partir da obra dun autor, xa que normalmente fanse edicións críticas. Neste caso aborda a súa obra cunha finalidade didáctica”.

Segundo explicou Tania Martínez, no libro presentado este martes no campus “faise toda unha programación didáctica sobre o escritor” Antonio Pereira na que se inclúe unha serie de recursos dixitais dispoñibles na web da fundación que leva o nome do escritor, como presentacións dixitais, vídeos e outros materiais para a difusión. A guía, apuntou a súa autora, está dividida en dúas partes. Unha primeira está dirixida a escolares de quinto e sexto curso de Primaria e primeiro e segundo curso de Secundaria e nela trabállase arredor da obra poética de Pereira. A segunda parte está dirixida a escolares de terceiro e cuarto curso da ESO e Bacharelato e nela afóndase na narrativa do escritor. No primeiro caso o obxectivo final é que o alumnado realice unha antoloxía audiovisual, con textos e imaxes de Antonio Pereira, e no segundo que faga un fiandón no que os propios escolares poñan voz aos contos do escritor.

Calidade literaria e humana

A elección da obra de Pereira para a realización desta guía publicada por Eolas Ediciones, apuntou a autora, xorde porque na súa opinión nas súas obras aparecen temas que lle poden interesar aos nenos e nenas. Así, indicou Tania Martínez sobre o libro, “centreime na educación emocional, en temas como o amor, a amizade... e pensei nas posibilidades que podían ter”. Tamén subliñou a profesora o interese que ten para as e os escolares de etapas máis avanzadas a obra de Pereira como “un neno da guerra que escribe contos durante 50 anos e no que se ve moi ben a evolución da historia de España”.

“Esta guía saca á luz a figura de Antonio Pereira, que é un destes autores que merecen a pena, pola calidade da súa obra, e que aínda non foron rescatados nos manuais de literatura. É ademais un escritor que pode chegar de forma fácil aos máis novos”, comentou Tania Martínez, licenciada en Filoloxía Hispánica e Portuguesa pola Universidad de Salamanca cunha traxectoria investigadora centrada na obra de Antonio Pereira. Sobre a relevancia deste autor, no prólogo do seu libro a profesora indica como “o interese didáctico dos seus textos é indiscutible pois a súa carreira constitúe unha referencia única dentro do panorama literario español do século XX”.  Ademais, engade, “o seu desenvolvemento individual e a súa traxectoria vital convérteno nunha figura humana de grande altura que se desvela a través dos seus textos”.