DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xornalista José María Carrascal, novo convidado ao ciclo de conferencias da Cátedra Álvarez Ossori

As aventuras e desventuras das armas e das letras na historia

Fixo un percorrido cronolóxico "destas dúas conquistas da humanidade" dende a época grega ata o sécu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 23/02/2012

Unha relación de “amor-odio” que perdura dende a antigüidade. Ese vínculo histórico entre as armas e as letras foi obxecto de reflexión para o coñecido xornalista José María Carrascal, convidado ao ciclo de conferencias da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio 2011-2012. Presentado polo novo director da cátedra, Rafael Ceñal Martínez, o xornalista e escritor fixo un percorrido histórico, dende a época grega ata o século XX, da relación existente entre as armas e as letras, definíndoa como “un problema moi antigo que aínda está sen resolver”, con períodos de irmandamento pero tamén de fortes enfrontamentos.

Para José María Carrascal, tanto as letras como as armas “son as dúas grandes conquistas da humanidade” que protagonizaron innumerables roces violentos, en moitos casos provocados polo clásico enfrontamento entre a ciencia e a relixión. “O home é un ser inquieto por natureza cun afán de mellora que o leva a situacións conflitivas sen solución”, xustificou Carrascal esta loita continua entre os dous eidos. Tamén fixo fincapé na antigüidade das armas, que apareceron antes que a escritura e que xurdiron como un mecanismo de defensa ante un mundo hostil, “aínda que despois foran usadas contra os propios homes, igual que as palabras, que tamén poden matar”, apuntou.

Dende Grecia ata o século XX

Carrascal realizou un percorrido polas diferentes etapas que “sufriu” a relación entre armas e letras ao longo da historia. Remontándose á época helénica, o xornalista sinalou o forte vínculo que existía entre a cultura e o armamento “pois portar unha era símbolo de cidadanía e de honra”, gozando ademais do beneplácito dos filósofos que defendían este código de honor. Durante o Imperio Romano tamén se mantivo este irmandamento entre armas e letras xa que “todos vangloriábanse de levar unha espada no seu cinto” e escritores ilustres da época, como os emperadores César Augusto ou Marco Aurelio, eran grandes defensores das armas. Non obstante, “houbo unha especie de relaxación no exército romano ao deixar os principais cargos nas mans de bárbaros romanizados” o que provocou a caída do Imperio, “moi relacionada coa caída do concepto militar”, apuntou Carrascal.

Coa chegada da Idade Media, as letras refuxiáronse nos mosteiros aínda que houbo sonadas excepcións como o emperador Carlo Magno e o rei Alfonso X O Sabio, “que prestaron especial atención á cultura e á escritura”. O Renacemento foi unha época de forte unión entre as armas e as letras “xa que non había corte que non tivese a un poeta de referencia”, destacando o caso do emperador Carlos V e a súa relación estreita co poeta Garcilaso de la Vega. Sen embargo, ese vínculo forte entre os dous eidos resentiuse coa aparición do pensamento científico e as teorías de Nicolás Copérnico e Galileo Galilei que retaron as bases da teoloxía “e provocaron un choque inevitable que estará presente durante toda a época moderna”. A reforma protestante aínda empeorou máis a situación e “o conflito xa estaba máis que servido”. A chegada da ilustración reforzou o ámbito das novas ciencias e das letras, pero o Romanticismo supuxo unha volta ás “ideas cabaleirescas” da idade medieval. As grandes revolucións políticas e sociais de principios do século XX desencadearon en “batallas tanto no mundo das armas como das letras”.

O papel da Armada

O xornalista tamén destacou o papel conciliador que a Armada xogou na relación entre as armas e as letras ao ser quen de achegar “unha bafarada de aire fresco nunha atmosfera pechada por completo como era España”. Como destacou o escritor, a Armada “deu á nación científicos, astrónomos, botánicos, literarios... que deron un pulo á época ilustrada” facendo posible a colaboración estreita e frutífera entre o mundo das armas e das letras.