DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de ADE-Dereito, percorrerán o deserto de Marrocos do 10 ao 18 de febreiro

Aventureiros e solidarios, así son os participantes da UVigo no Dakar Universitario

Durante a travesía repartirán material escolar e sanitario nas escolas do deserto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 18/01/2024

Os dous son apaixonados do motor e os dous teñen na súa cabeza as impactantes imaxes do rally Dakar na televisión. Raúl Rodríguez e Nicolás González, estudantes do dobre grao ADE-Dereito apuran estes días os traballos no seu Peugeot 205 1.4 GT do ano 1984 para que nuns días todo estea listo para participar no Uniraid 2024, coñecido como o Dakar universitario, unha aventura solidaria e deportiva na que os participantes percorren o deserto de Marrocos, a través das antigas rutas do rally París Dakar, repartindo material solidario a nenas e nenos das zonas máis desfavorecidas deste país.

Descubriron a iniciativa través das redes sociais e xa non puideron quitala da cabeza. “Se a nosa paixón polo motor lle unes o espírito aventureiro e a idea de poder axudar directamente a quen o precisa xa tes a receita perfecta”, explica Raúl, ao que engade que “ao ser para estudantes existe a premisa de baixo custe que outros ‘raids’ non teñen e, ademais, en caso de avaría ofrecen asistencia mecánica”.

Toda unha aventura deportiva....

Comprou o coche Raúl a medias con outro compañeiro, pero cando se coñeceron as datas da proba ese outro amigo tivo que renunciar ao proxecto por coincidirlle con exames dunha oposición, foi entón cando, “sen dubidalo”, se uniu ao proxecto Nicolás, quen se encarga, sobre todo, das redes sociais do equipo -contan cunha conta de Instagram de máis de 2000 seguidores-, nas que contan o día a día do proceso de preparación do coche, como se divirten facendo as probas, danlle visibilidade aos patrocinadores... “Tratamos de motivar ao noso público ensinando como con un plan, motivación e traballo constante poden materializarse as ideas ou ilusións”, explican.

Non contan con experiencia previa, pero levan meses informándose a fondo e falando con persoas que participaron en edicións anteriores. “A verdade é que nos mergullamos tanto que xa é como se noutra vida estiveramos aí”, explica Raúl, ao que Nicolás engade que son conscientes de que por moito que busquen e se informen haberá cousas das que non se decaten ata vivir esa experiencia. Ao tempo, son tamén innumerables as horas investidas na preparación do coche e aínda lle quedan algunhas cousas pendentes.

... e solidaria

Uniraid non é un rally, nin unha carreira de velocidade, senón unha viaxe aventura na que os participantes deben completar seis etapas navegando cun libro de ruta e sorteando todo tipo de obstáculos, desafíos e probas co obxectivo de cruzar Marrocos de norte a sur e entregar 40 kg de material solidario nas escolas do deserto.

Xa teñen recollido boa parte de todo este material solidario, pero seguen animando a todas as persoas interesadas en facer doazóns a pórse en contacto con eles (205coast.uniraid@gmail.com). Buscan, sobre todo, cadeiras de rodas, anteollos, material escolar e sanitario, xoguetes, mochilas...

Semanas de intenso traballo

As semanas previas ao arranque oficial desta aventura están sendo moi intensas, pero, aínda así están moi satisfeitos con como o están levando, algo que non é doado si se ten en conta que Raúl cursa un Erasmus en Parma e Nicolás está metido de cheo nos exames do primeiro cuadrimestre. “Ao final temos moita carga de traballo nun lapso de días moi reducido, pero se non hai ningún imprevisto, teremos completado absolutamente todo o que queremos facer antes de marchar”, explica Nicolás. 

Para facer máis fácil todo este proceso contan co apoio incondicional dos seus patrocinadores e das súas familias que, “dende o primeiro momento, a pesar de semellarlle unha verdadeira tolería cruzar o deserto de Marrocos nun coche de case 40 anos e tracción dianteira, sen GPS e só cun libro de ruta e un compás, nos apoiaron sempre”.