DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mediante a aplicación na Powell Elementary School dun programa de convivencia asesorado desde o camp

Axudando a mellorar a convivencia nunha escola de Washington

A directora do centro americano realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 22/07/2013

A Powell Elementary School é unha escola de Washington, Estados Unidos, con 425 alumnos e alumnas de tres a once anos de idade, procedentes na maioría de familias de baixo nivel económico e que nun 70% teñen o inglés como segunda lingua. Neste contexto, Janeece Carell Docal, directora do centro, decidiu pór en marcha o ano pasado un programa de educación afectiva e para a convivencia destinado a mellorar os resultados dos estudantes e os da escola no seu conxunto. Para facelo tomou como base traballos do Grupo de Saúde, Sexualidade e Xénero do campus de Ourense e enmarcou a realización desta iniciativa na súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo.

Educación para solucionar e para previr problemas

“Cando asumín a dirección da Powell Elementary School apostei por estruturar máis o seu funcionamento, por involucrar ás familias e á comunidade na súa actividade e pola calidade docente, retendo e captando talento. Isto permitiunos ir ano a ano mellorando, atraendo a máis estudantes, e situarnos nunha escola recoñecida pola súa proxección e excelencia, chegando a acadar o segundo posto como mellor escola do ano en EEUU”, explicou Janeece Carell Docal durante a súa visita este mes ao campus de Ourense. Nesta liña de traballo, á que se suma o seu biligüismo, a directora salientou que o ano pasado “quixemos engadir algo diferente ás materias que habitualmente cursan os estudantes, algo que lles ensinase cuestións de comportamento, como por exemplo ser bos amigos, como expresar sentimentos, como solucionar os problemas que xorden da convivencia, etc”.

Neste punto, apuntou Docal, coñeceu o Programa Agarimos de educación afectivo-sexual do grupo da Universidade de Vigo e o traballo da investigadora Mª Victoria Carrera no eido da prevención da violencia entre iguais e decidiu facer unha adaptación deles atendendo ás necesidades concretas do seu centro e no marco da súa tese de doutoramento, que dirixe María Lameiras. Nunha visita a Estados Unidos realizada en maio e xuño, a propia María Lameiras se achegou ao centro para coñecer de primeira man os bos resultados que estaba acadando a realización desta acción. “Foi enormemente satisfactorio compartir con estudantes, docentes e familias os beneficios que estaba tendo na súa convivencia a aplicación deste programa, de como axudaba a aflorar situacións conflitivas e a solucionalas e previlas para o futuro”, comentou a vicerreitora do campus de Ourense.

Docentes, alumnado e familias

Durante este curso, explicou Docal, realizouse unha adaptación do currículo do programa ás necesidades da Powell Elementary School, ampliando especialmente o tema da educación multicultural, e o grupo da Universidade formou a distancia ás mestras e ao conselleiro que imparten esta materia no centro americano. Ademais os rapaces e rapazas do centro desenvolveron os contidos na aula, contidos centrados en temas de convivencia entre diferentes razas, culturas e estatus económicos, igualdade de xénero, autoestima, afectos e outras cuestións universais, e cada xoves, nun café, os docentes trataban estes temas tamén cos pais e nais dos estudantes. O implicación destes tres axentes, xunto á comunidade, subliñou a responsable da escola americana, son os que permiten o desenvolvemento educativo integral do alumno.

“O que queriamos é que todos, mestres, alumnado e familias, manexasen o mesmo vocabulario para describir as cousas e poder así abordar os problemas, previlos proactivamente e solucionalos. Ao sentir que teñen voz, os estudantes vense reforzados, síntense máis cómodos e mellora a convivencia educativa e polo tanto os resultado. Tamén aprenden que as diferenzas son bonitas, que non temos que ser todos iguais, só é necesario respectarnos”, apuntou a responsable da Powell Elementary School, que conta cunha dilatada formación e experiencia no eido educativo, de liderado e de xestión.