DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de investigación que comparten as Universidades de Illas Baleares, Girona e Vi

Baiona acolle unha xornada monográfica sobre a relevancia da idade na relación laboral e de seguridade social

Relatorios xerais e mesas de traballo compoñen a programación da xornada

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 04/11/2008
Destacadas personalidades do Dereito do Traballo e da Seguridade Social a nivel nacional e internacional, daranse cita este mércores, na Casa do Concello de Baiona, para celebrar unha xornada monográfica sobre a relevancia da idade na relación laboral e de seguridade social. No evento, dirixido polo catedrático da Universidade Jaime Cabeza Pereiro, desenvolveranse unha serie de relatorios xerais e mesas de traballo que tratarán o tema atendendo á situación en diferentes países europeos así como en América Latina.
A xornada, que se celebra no marco do proxecto de investigación do Ministerio de Educación e Ciencia que comparten as Universidades de Illas Baleares, Girona e Vigo, ten como obxectivo principal a “realización dunha análise transversal dos efectos da idade na relación laboral e na seguridade social”, explica Jaime Cabeza.
Manuel Joaquín Reigosa Roger, vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, presidirá o acto de inauguración, no que estarán tamén presentes os membros do comité organizador das tres universidades: Jaime Cabeza e Marta Fernández, profesores de Vigo; Mª Amparo Ballester, de Islas Baleares; e Ferrán Camas, de Girona. O evento tamén contará coa presenza do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña.
Xunto coa Vicerreitoría de Investigación da Universidade de Vigo e o Concello de Baiona, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaboran na celebración desta xornada.

Relatorios e mesas de traballo

Jo Carby Hall e Diane Ryland, das Universidades de Hull e Lincoln respectivamente, serán os encargados de comezar as conferencias expoñendo o tratamento antidiscriminatorio no Reino Unido. Da relación laboral e idade en Francia falará Philippe Martín, profesor da Universidade de Burdeos, investigador e membro do Centro de Dereito Comparado e da Seguridade Social. A profesora Piera Loi, da Universidade de Cagliari, achegaranos á relevancia da idade e a relación laboral e de Seguridade Social en Italia. E dende Venezuela, o profesor Óscar Hernández Álvarez presenta o estado actual da xubilación en América Latina.
A mañá completarana tres exposicións cunha visión máis ampla do tema: Traballo e sociedades no envellecemento: unha perspectiva internacional, por Jean-Michel Servais presidente honorario da Sociedade Internacional do Dereito do Traballo e da Seguridade Social; O estado actual da compatibilidade entre traballo e xubilación en Europa, por Jaime Cabeza; e A xubilación forzosa no convenio colectivo, polo profesor Joaquín Aparicio Tovar da Universidade de Castela A Mancha.
A sesión de tarde está formada por tres grupos de traballo disitintos, compostos por un relatorio, protagonizado polo moderador da mesa, e un posterior debate das comunicacións expostas. O horario de comezo será, simultaneamente, ás 16.30 h; o lugar, a Casa do Concello xunto coas instalacións da Capitanía Marítima.
O primeiro dos grupos tratará o tema da idade e a discriminación; o relatorio, exposto por Mª Amparo Ballester, sobre os malos tempos para o principio antidiscriminatorio comunitario dará pé a unha serie de intervencións realizadas por diversos profesores relacionados co tema ás que proseguirá o debate. Seguendo a mesma dinámica, no grupo de traballo dous, baixo o título Idade e relación laboral, será Ferrán Camas o encargado de abrir a discusión co relatorio A idade e a formación para o emprego. No último dos grupos, Jaime Cabeza moderará o debate sobre Idade madura e xubilación.