DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Laboratorio de Arqueoloxía comeza a segunda campaña de escavacións neste enclave

Baixo o Monte Señoriño, moita Armea por descubrir

Unha vintena de técnicos traballan para coñecer a dimensión real destes restos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 03/07/2012

Todo comezou fai case dous anos cando Manuel Losada, veciño de Allariz, descubriu na ladeira este do Monte Señoriño, en Armea, unhas estruturas rupestres apenas visibles entre a maleza. Entre a expectación suscitada, o pasado verán o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo realizou unha primeira campaña arqueolóxica para limpar, descubrir e conservar o lugar. Este martes, os arqueólogos volveron ao lugar para comezar a segunda campaña de traballos neste enclave, que se prolongarán ata o 10 de agosto e que ten como obxectivos principais delimitar a dimensión real do complexo, que sospeitan se estende por unha hectárea da contorna, e entender a súa funcionalidade no momento en que foi creado arredor do século I.

“Durante estas semanas seguiremos traballando na ladeira este do Monte Señoriño, para ampliar uns 300 metros cadrados a zona que escavamos o verán pasado, que foi duns 187 metros cadrados. Rematada esta tarefa realizaremos catas por todo o Monte Señoriño porque pensamos que as estruturas continúan por practicamente todas as ladeiras do monte, non só na que estamos actualmente”, explica Adolfo Fernández, director da campaña. Estas catas permitirán ao equipo arqueolóxico poder delimitar no seu conxunto os límites e dimensións do complexo, un paso moi importante, segundo apuntan, para poder estudar axeitadamente o enclave e entender o seu significado. As catas realizaranse por arredor dunha hectárea de monte, uns 10.000 metros cadrados da contorna da zona actualmente aberta.

Un lugar emblemático

Este martes, o equipo de arqueólogos da Universidade de Vigo, formado por Adolfo Fernández; Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía; os arqueólogos Martiño Vázquez e Montserrat Delgado e a conservadora Marta Lago, xunto aos primeiros voluntarios que participan na campaña, un total de 18, puxéronse mans á obra na escavación. Mentres comezaban coas medicións, posta a punto de aparellos e delimitación e primeira limpeza das zonas nas que intervirán, foron visitados por Francisco García, alcalde do Concello de Allariz, entidade que financia o proxecto de posta en valor do complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural de Armea, que conta ademais coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo.

“Armea é un espazo singular, un lugar emblemático cun inmenso potencial, no só histórico e arqueolóxico, senón tamén paisaxístico e natural”, apuntou o alcalde de Allariz durante a visita ás estruturas rupestres. Por estes valores, salientou, a pesar da crise económica a entidade que dirixe destinou a estes traballos e aos que están realizando os arqueólogos David Pérez e Celso Barbas no castro de Armea un total de 30.000 euros. “A cultura non é so un gasto senón tamén un investimento prioritario e por este motivo seguiremos apostando por este proxecto cada tempada”, afirmou García.

Traballo arqueolóxico e de sensibilización

Durante seis semanas, a vintena de arqueólogos e voluntarios, procedentes principalmente das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, traballarán sobre todo na escavación dos citados 300 metros arredor das estruturas xa descubertas o ano pasado. Ao remate, procederán a realizar as tarefas de conservación necesarias para protexer o complexo arqueolóxico da climatoloxía e das visitas que reciba. Para rematar, os técnicos do Laboratorio de Arqueoloxía serán os encargados de realizar as catas polos diferentes puntos do Monte Señoriño. “Nesta campaña vamos a intentar delimitar as dimensións do complexo e descifrar a cronoloxía e as funcionalidades deste lugar”, explica o director da escavación.

Durante a visita a Armea, o alcalde de Allariz tamén quixo destacar que, ao igual que na campaña anterior, desde a Casa da Cultura se organizarán durante as tardes de verán visitas ao complexo arqueolóxico, na que os interesados e sobre todo os veciños da zona poderán coñecer de primeira man o traballo que se está realizando na zona. “É moi importante sensibilizar aos veciños para que sexan conscientes dos tesouros que temos, porque eles son os mellores garantes da súa preservación”, apuntou Francisco García. Para os que non se poidan achegar ata Santa Mariña de Augas Santas, o Laboratorio de Arqueoloxía irá dando conta dos avances que se realicen nas escavacións a través do seu blog.