DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Universidade e a empresa GT Sport

O balón bota a rodar no I Congreso Internacional de Fútbol

Abre os relatorios José Luis García Oltra, novo adestrador do RC Deportivo de La Coruña

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 16/06/2011

O balón xa botou a rodar. Dende este xoves ata o próximo domingo 19 de xuño, Pontevedra convértese na sede oficial do deporte rei coa celebración do I Congreso Internacional de Fútbol, CIF, organizado polo grupo de investigación HI-20 da Universidade e a empresa GT Sport. No acto de inauguración, no que interviron Xosé Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacouse o nivel e o carácter formativo do evento “creando un foro de debate, de formación e de intercambio de experiencias e coñecementos”, apuntou Alberto Argibay, principal organizador, ademais de salientar a transcendencia do fútbol na sociedade, “ao converterse nunha fonte de identificación para as persoas e ata para os propios países”, engadiu Lete.

O CIF, que congrega a máis de 200 asistentes de doce países, “supón para a Universidade unha oportunidade inmellorable de transferir o coñecemento e a investigación que xeramos na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte”, declarou o profesor Luis Casáis, director do grupo. Debido a que o seu grupo de investigación HI-20 se dedica á investigación neste deporte, “temos catro días para poñer en valor e á disposición de todos os avances que se están dando no ámbito deportivo”, engadiu. Trátase de buscar a colaboración entre o mundo universitario, o empresarial e a sociedade “pois debemos estar presente en calquera actuación relacionada coa formación continua no eido do deporte”, aclarou. Pola súa banda, a decana Francisca Fariña quixo recoñecer o traballo do grupo de investigación HI-20 "pois o congreso celébrase en Pontevedra non soamente polo atractivo da cidade, senón porque existe este grupo ao servizo da ciencia do deporte".

O fútbol, máis que deporte

Xosé Ramón Lete fixo especial fincapé no que supón o fútbol máis aló da súa práctica deportiva. “O fútbol é ocio, espectáculo, integración, proxección, pero tamén é campo de emprego e oportunidade de negocio”, comentou. Neste sentido tamén falou Miguel Anxo Fernández Lores, quen recoñeceu “que este tipo de congresos consolidan a proxección ao exterior da cidade como a capital do deporte”, ademais de se a calidade do mesmo “nos axuda para dar un pulo importante ao Pontevedra Fútbol Club e poidamos chegar a ser referentes como na natación, no tríatlon ou no piragüismo”.

Catro días de debate no máis alto nivel

Dende este xoves ata o domingo, no Centro Social de Novacaixagalicia, daranse cita algúns dos profesionais do fútbol de maior repercusión nacional e internacional afondando en todos os compoñentes dun proxecto deportivo, “dende o adestramento ata a xestión”. As conferencias inaugúranse coa intervención de José Luis García Oltra, novo adestrador do Real Club Deportivo de La Coruña, “quen ten o reto de devolver o equipo a 1ª División”, comentaron os organizadores. O seu relatorio céntrase na súa forma de entender o adestramento, “baseado nunha proposta de xogo atractiva e interesante que agrada moito ao espectador e que dará grandes satisfaccións ao equipo coruñés”, explicou Casáis. Ramón Rodríguez Vermejo 'Monchi' tamén visita este xoves Pontevedra para falar do modelo da planificación deportiva do Sevilla Fútbol Club, mentres que Javier Miñano, da Selección Española de Fútbol, e Miguel Ángel Gil Marín, conselleiro delegado do Atlético de Madrid estarán mañá venres. Catro membros do grupo de investigación HI-20 tamén interveñen no congreso, o propio Luis Casáis, Eduardo Domínguez, Miguel Martínez e Eduardo Parra, ademais do profesor Joaquín Dosil.