DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Serán inauguradas oficialmente o vindeiro 24 de febreiro

O balón comeza a rodar nas novas instalacións deportivas do campus

O Campionato Galego de Deportes Colectivos será a primeira cita que acolla

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 04/02/2011
As instalacións deportivas exteriores do campus de Ourense comezan a súa actividade. Despois de arredor de ano e medio de traballo, as súas pistas deportivas e campo de fútbol-rugby xa están a disposición dos universitarios e dos que desexen empregalas. Os xogadores de rugby dos equipos sénior e cadete do campus foron os primeiros en empregalas esta semana e fixérono con moi boas impresións.

O campo está estruturado para poder albergar dous campos transversais de fútbol 7, un campo de fútbol 11, un campo de rugby e unha pista de atletismo con zona de saltos e para lanzamento de pesos. Os primeiros en probar as súas instalacións foron os xogadores de rugby, que están entusiasmados co novo campo e que levaron unha excelente impresión no seu primeiro adestramento alí.

“O campo é estupendo, o céspede está perfecto, as instalacións moi ben iluminadas e todo ao lado do centro da cidade. Somos un privilexiados por poder gozar en Ourense dunhas instalacións deste tipo”, explica Javier Conde, adestrador do Campus Ourense Rugby sénior. O único defecto que vén os xogadores, din con sentido do humor, é “que agora cando o adestrador manda dar unha volta ao campo xa non son os 200 metros do anterior recinto senón 350”.

O responsable de deportes do campus, Rodrigo Alberte Pivida, explica que grazas a estas instalacións “os equipos de fútbol e rugby do campus pasarán a ter por fin unha sede propia, o que nos dará máis liberdade e axilidade para adestramentos e partidos pero tamén axudará a incrementar a práctica deportiva na cidade”. Desde o Servizo de Deportes queren agradecer especialmente ao Concello de Ourense que durante estes anos acollese aos seus equipos nas instalacións municipais.

As pistas e campo non só están dispoñibles para os equipos universitarios, senón que calquera persoa ou entidade que queira alugalas para o seu uso pode facelo xa. “Agardamos que durante a semana empreguen as instalacións, ademais dos equipos universitarios, centros educativos e clubs deportivos, para a formación dos seus xogadores. A fin de semana acolleremos principalmente partidos de competición”, salienta Pivida. As instalacións serán inauguradas oficialmente o 24 de febreiro.

Primeira cita, o Campionato Galego de Deportes Colectivos

A primeira cita importante que se xogará nestas instalacións serán os partidos de fútbol do Campionato Galego de Deportes Colectivos. Os días 9 e 10 de febreiro, as instalacións deportivas do campus de Ourense e algunhas do Concello acollerán a cita anual para os equipos universitarios de Galicia, na que participarán arredor de 300 deportistas.

O mércores e xoves celebrouse en Vigo o Torneo Intercampus, onde se elixiu, entre os equipos dos tres campus, ao combinado de cada categorías que representará á Universidade de Vigo nos Campionatos Galegos de deportes colectivos. Tras estes dous días de competición, os equipos de Ourense gañaron en baloncesto masculino, fútbol 7 feminino e fútbol 11 masculino; os de Vigo en voleibol masculino e fútbol sala masculino; e os de Pontevedra en balonmán masculino e fútbol sala feminino. Estes serán os que se enfronten aos seus homólogos das universidades de Santiago e A Coruña os vindeiros 9 e 10 de febreiro na cidade de Ourense. Os que consigan a vitoria serán os que representen a Galicia nos campionatos estatais da mesma modalidade.