DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adrián Paz, titulado pola Universidade, é preparador físico da selección vietnamita de fútbol sala

O balón que rodou dende Pontevedra a Vietnam

Hai dous meses o equipo gañou a medalla de prata nos Xogos do Sudeste Asiático

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 16/01/2012

As súas ansias de superación levárono a máis de 12.000 quilómetros da casa. Adrián Paz Franco, que vén de titularse en Ciencias da Actividade Física e do Deporte en 2010 e que cursa os estudos de doutoramento na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, non dubidou nin un segundo en abandonar Galicia para medrar como profesional e converterse no preparador físico da selección de fútbol sala de Vietnam. “Recibín a proposta por correo electrónico do adestrador da selección e tras comprobar que non era ningunha broma, decidín dar o paso e marchar para fóra xa que aquí non tiña perspectivas de mellora laboral”, explica o propio protagonista, que estes días se atopa de visita no campus pontevedrés para darlle un pulo a súa tese de doutoramento que desexa presentar en xullo.

Tras case medio ano por terras asiáticas, Adrián Paz atrévese a facer balance da experiencia que está a vivir en Ho Chi Minh, a cidade máis poboada de Vietnam con máis de oito millóns de habitantes. “Practicamente nunca saíra de Pontevedra e chegar a un lugar tan grande fixo que me sentira perdido nun principio. Ata que me acostumei, toda a xente me parecía igual”, bromea. Confesa que o destino nunca lle preocupou “aínda que a miña familia e amigos si que se inquedaron ao coñecer o meu novo lugar de residencia. Non pensaban que alí podería haber oportunidades laborais”. Paz sempre mirou a oferta como unha oportunidade inmellorable sen pensar nos riscos e nas dificultades “pois a situación en Galicia non é a mellor e non podía renunciar para ser infravalorado nun ximnasio gañando 500 euros”, comenta.

Un cambio de mentalidade

Ademais do reto profesional, Paz Franco, que deixou unha vacante no equipo filial de Autos Lobelle, sinala por riba de todo os cambios persoais que está experimentando ao adoptar unha mentalidade máis aberta e calmada. “Foi aterrar e levar unha cura de humildade ao comprobar que a xente é feliz con pouco, cun espírito de supervivencia innato e sempre con boas palabras”. Exemplificou a boa fe dos seus novos veciños ao comentar que ao terceiro día de chegar provocou unha inundación no bloque de edificios no que reside “e en vez de reclamar, todos os veciños axudáronme a arranxar a desfeita”, apunta. Polo que respecta aos conflitos co idioma, vaise defendendo en inglés aínda que a lingua oficial sexa o vietnamita, “pero á hora de adestrar teño un tradutor que me acompaña en todo momento”. O peor, a comida e a temperatura cunha media de 35 graos “o que me impide durmir máis de catro horas pola noite e adestrar a alta intensidade”.

Subcampións por primeira vez

En canto aos resultados deportivos, a súa traxectoria coa selección nacional non puido comezar mellor. No pasado mes de novembro celebráronse os Sea Games, os Xogos do Sudeste Asiático, nos que o equipo de fútbol sala gañou por primeira vez unha medalla de prata, perdendo na final contra Tailandia. “De todos xeitos fomos recibidos pola Federación de fútbol con flores no aeroporto, como se foramos uns heroes nacionais”, destaca Paz. A pesar dos bos resultados que está conseguindo co equipo, lamenta unha falta total de medios materiais e técnicos, “ o que nos obriga a adestrar nun almacén no que á vez están cargando e descargando camións”.

O preparador da selección vietnamita amósase moi contento coa actitude dos xogadores, “son moi sacrificados e adestran ata que non poden máis”, que contrasta con unha ausencia “total” de cultura deportiva causada pola tardía incorporación dos futbolistas a alta competición. “En Vietnam non se forman no deporte dende pequenos polo que logo non teñen unha disciplina definida, como a de non comer antes dos adestramentos”, exemplifica.

Paz Franco recoméndalle a experiencia a todos os seus compañeiros de titulación “e que non dubiden en viaxar e saír de Galicia para medrar como profesionais e como persoas”. Considera que este é o camiño para lograr a meta final, “como pasar a formar parte do corpo técnico da selección española de fútbol sala”, confesa.