DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No curso de Extensión “Cara a unha banca máis ética”

A banca alternativa debulla a súa filosofía e estratexias

A través de docencia virtual e presencial

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/06/2009

Xunto aos clientes da banca convencional que invisten unha cantidade, esixen unha rendibilidade e desenténdense do seu destino, conviven outros consumidores de servizos financeiros cunha maior inquietude social que demandan das súas entidades bancarias unha responsabilidade social nas súas políticas de inversión. Así, proxectos que se desenvolven en países do terceiro mundo, ou na comunidade na que vive o propio cliente, así como investimentos en empresas de aforro enerxético, comercio xusto ou inserción laboral de discapacitados, convértense en posibles destinos dos investimentos no caso de entidades que incorporan un criterio de utilidade social que non é incompatible coa súa sostibilidade económica.
Sen embargo,” aínda que hai esta demanda, falta comunicación e que o público saiba que existen este tipo de produtos financeiros”. Así de contundente maniféstase a profesora María José Cabaleiro que xunto a súa compañeira do departamento de Economía Financeira e Contabilidade, Sonia Rodríguez, dirixe o curso Cara a unha banca máis ética, que se desenvolverá entre o 22 e o 30 de xuño na Universidade de Vigo. O curso que forma parte da oferta que a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes puxo este ano en marcha, permitirá segundo Cabaleiro “canalizar información en ambos sentidos, tanto desde o punto de vista dos usuarios dos servizos financeiros, como dar a posibilidade aos responsables de entidades que traballan neste sentido de que acheguen ao público en que están traballando”. E é que sen deixar de ser sostibles economicamente, existen entidades que incorporan un criterio de utilidade social, pero “polo de agora o consumidor non ten isto en mente, como puido ocorrer coa reciclaxe. Por iso se a través de cursos de formación como este logramos a visualización desta realidade como unha esixencia, penso que máis persoas formarían parte dela”, asegura Sonia Rodríguez.

Unha banca máis ética?

A incorporación da utilidade social aos tradicionais conceptos de rendibilidade e risco, fai da banca alternativa unha posibilidade cada vez máis demandada pola clientela das entidades financeiras que tamén solicitan da banca tradicional produtos e servizos cos que van a obter algo máis que rendibilidade financeira. “Creo que no momento no que os consumidores piden este tipo de produtos non só ás entidades que se dediquen exclusivamente a banca alternativa, senón tamén á banca convencional chegará un momento que estas entidades, se queren seguir no mercado terán que readaptar os seus produtos e servizos”, sinala María José Cabaleiro que coincide con Sonia Rodríguez en sinalar a necesidade de afondar no coñecemento da banca alternativa o que servirá para rachar con determinados estereotipos. “O destino dos recursos non só é financiar necesidades de desenvolvemento no terceiro mundo, senón tamén financiar necesidades o máis próximas posible. Hai entidades que dan a posibilidade aos seus depositantes de escoller o destino dos seus fondos: cultura, enerxías renovables, promoción do comercio xusto”, detalla Sonia Rodríguez que tamén explica que unha vantaxe da banca alternativa respecto doutras bancas máis especulativas é que “sempre estivo moi próxima da economía real” e polo tanto no é unha banca especializada en produtos colateralizados habituais na banca especulativa.

Docencia virtual e presencial

Destinado a un público cun perfil heteroxéneo pero que comparte de xeito directo ou indirecto ser cliente dalgunha entidade bancaria, o curso Cara unha banca máis ética combina a docencia virtual coa presencial e sen “sen que sexa preciso”, explica María José Cabaleiro “ter uns coñecementos previos profundos de economía por que todo o mundo sabe o que é un depósito ou un préstamo dado que todos nos relacionamos con bancos”.
A través da plataforma Faitic o alumnado do curso accederá á docencia virtual que ten unha concepción claramente interactiva, con hai foros, cuestionarios para resolver ou páxinas relacionadas co curso, que “creo que lle vai facilitar moito o traballo ao alumnado que non ten que estar presencialmente aí”, destaca Cabaleiro.
Un traballo a través da rede que se complementa con varias sesións presenciais nas que intervirán representantes de entidades alternativas e tradicionais con presenza en España. “No caso de Triodos Bank é unha entidade de orixe holandesa e xa establecida en España que se observas as cifras constátase un incremento no número de clientes de produtos e polo tanto é unha opción realista”, explica Sonia Rodríguez. A cooperativa Socio Coop 57 implantada en varios puntos de España, entre eles Galicia, tamén estará presente no curso “para explicar como foi todo o proceso de posta en marcha desta iniciativa que é una cooperativa de servizos financeiros de banca alternativa que estará moi implicada no territorio”, explica Mª José Cabaleiro. Nas sesións presenciais do curso tamén participarán representantes de Caixanova e Bancaja.
Cunha duración de 30 horas e validable por dous créditos, a inscrición no curso poderá realizarse ata o 18 de xuño.