DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Banco Etcheverría, novo co-patrocinador do Vigo Rugby Club

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 20/11/2007

Trala firma dun convenio de colaboración o Banco Etcheverría, que conta coa distinción de ser o máis antigo de España, pasa a engrosar a lista de patrocinadores do Vigo Rugby Club, que xa ten entre os seus membros á propia Universidade e a empresas como Valery Karpin S.L, Dovhe S.L. e M+Q.
Este acordo establece que os xogadores levarán a partir de agora publicidade da institución bancaria na roupa deportiva a cambio dunha aportación económica.
Durante a sinatura do documento na sede que o banco ten na rúa García Barbón, o conselleiro delegado Francisco Botas, sinalou que “esta é a primeira vez en que patrocinan a un club deportivo, o que supón un compromiso coa cidade olívica, coa Universidade e co deporte”.
O Vigo Rugby Club, pola súa banda, agradece esta implicación no proxecto e o apoio brindado, xa que “para os deportes minoritarios resulta moi complicado atopar patrocinadores”, tal como afirma Ramón Pérez, director de prensa do equipo, quen engade que “hai que seguir buscando axudas deste tipo para cubrir o presuposto íntegro”.

II Torneo de Rugby a Sete

O broche de ouro á finalización do Curso de Iniciación ao Rugby, que se desenvolveu no campus durante os meses de setembro e outubro, será a celebración o próximo sábado do II Torno de Rugby a Sete da Universidade. Este evento reunirá a equipos de Galicia e do norte de Portugal, que se enfrontarán tanto na categoría masculina como na feminina.