DUVI

Diario da Universidade de Vigo

118 alumnos e alumnas da Universidade de Vigo poderán beneficiarse do programa

Banco Santander destina 631.000 euros para que 351 estudantes galegos fagan prácticas en Pemes

O 40% dos bolseiros da pasada edición continuaron na empresa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 03/12/2012

351 estudantes das tres universidades galegas poderán realizar no vindeiro ano prácticas remuneras en pequenas e medianas empresas ao abeiro do programa Becas Santander-CRUE-CEPYME. Para sufragar estas estadías, o Banco Santander destina 631.800 euros co obxectivo facilitar un primeiro achegamento dos universitarios e universitarias de Galicia ao seu primeiro emprego. Na presentación desta iniciativa, celebrada este luns, o vicerreitor de Economía e Planificación vigués, José Manuel García, destacou a importancia deste tipo de programas para que o “estudantado tome contacto co mundo empresarial”. Acompañado polos vicerreitores das universidades de Coruña e Santiago, Araceli Torres e Francisco Durán, e polo director territorial de Galicia de Banco Santander, Pablo Berdiel e o vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño, avanzaron os detalles desta convocatoria así como os resultados da pasada edición.

Segundo explicou Berdiel, este compromiso da entidade bancaria coa formación e inserción laboral dos titulados universitarios tradúcese na inversión total de 9 millóns de euros e 5000 bolsas en toda España. Das 351 que se destinan a Galicia, tal e como indicou o vicerreitor José Manuel García, 118 serán para a Universidade de Vigo, 141 para a de Santiago e 92 para Coruña, cun orzamento de 631.800 euros. Cada un dos beneficiarios destas bolsas realizará un período de prácticas en empresas da contorna durante tres meses, polo que percibirá 1800 euros.

Un experiencia enriquecedora

Marga Álvarez é unha das beneficiais da pasada edición. Estudante de 4º de Bioloxía cualifica esta experiencia como máis que recomendable e destaca que ademais de “coñecer a realidade do sector no que traballou”, tamén puido mellorar o seu método de traballo en laboratorio e afondar nos sistemas de xestión de calidade. “Gañei en experiencia pero tamén en seguridade, puiden darme a coñecer e agardo que a empresa me teña en consideración nun futuro”, concluíu.

O de Marga é un dos 64 casos de bolseiros deste programa do Banco Santander na Universidade de Vigo no pasado ano. En total, solicitaron estas prácticas 432 estudantes e inscribíronse 102 empresas. Este éxito de convocatoria fixo que a Universidade de Vigo puidese ofrecer outras 13 bolsas, que quedaron vacantes noutras institucións. Do total de solicitudes, 165 procedían de alumnos de Administración e Dirección de Empresas, 119 de Enxeñería Industrial e 173 dos diferentes mestrados.

As 64 bolsas ofertadas en Vigo na pasada edición serán dobradas nesta nova convocatoria, pasando tamén o total en Galicia de 158 a 351. Así, entre ambas convocatorias, o Banco Santander destina ás tres universidades un millón de euros e 509 bolsas. Esta sensibilidade coa inserción laboral do estudantado foi loada tamén por José Manuel Fernández Alvariño, que destacou que este tipo de iniciativas “garante o futuro dos titulados pero tamén o das empresas, o das pequenas e medianas empresas, que son as que xeran riqueza e emprego e as que nos permitirán saír da crise”. Neste mesmo sentido, o director territorial de Galicia de Banco Santander, Pablo Berdiel, apuntou que o beneficio non é unicamente para os estudantes, senón tamén para as empresas, “xa que lles permite incorporar o mellor talento entre os mozos e mozas”.

De feito e ante o éxito e “a persistencia da crise económica”, explicou Berdiel, Emilio Botín decidiu duplicar o número de becas con respecto ao ano anterior, que pasan de 2500 a 5000 en toda España. Na pasada edición acadouse a cifra de 60.000 solicitudes e máis de 5000 empresas inscritas. Segundo o representante do banco, a enquisa realizada entre os beneficiarios revela que o 40% dos estudantes continuaron na empresa na que realizaron as prácticas, ben ampliado a bolsas (25%) ou ben como empregados (15%) e o 85% afirma que o período de prácticas cubriu as súas expectativas. Na Universidade de Vigo, 35 das empresas participantes na pasada edición dobraron o período de prácticas co mesmo importe da bolsa.

Requisitos e prazos

A convocatoria está aberta a alumnos e alumnas de grao ou mestrado das universidades españolas ou centros adscritos, sempre que teñan superado o 50% dos créditos e non manteñan relación contractual coa súa universidade ou a empresa na que entrarán a facer prácticas. Estas bolsas poderán complementarse con calquera outra axuda achegada pola empresa de maneira voluntaria.
As bases da convocatoria, aberta ata o 31 de xaneiro de 2013, poden consultarse en: www.becas-santander.com