DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As dúas entidades asinaron un acordo de colaboración

O Banco Santander súmase ao Campus do Mar cunha achega de 500.000 euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 24/05/2010
O Banco Santander ven de sumarse aos axentes económicos que apoian o Campus do Mar co que a Universidade de Vigo concorrerá á videira convocatoria de Campus Excelencia Internacional. A entidade financeira que dirixe Emilio Botín achegará 500.000 euros durante o período 2010-2013 para o desenvolvemento das iniciativas de agrupamento que contempla Campus do Mar, nomeadamente as referidas á Escola Internacional de Posgrao en Ciencia e Tecnoloxía Mariña, a residencia internacional e o denominado Campus Virtual do Mar. O acordo específico de colaboración asinado entre o reitor da Universidade de Vigo e o presidente de Banco Santander, a entidade financeira se compromete a apoiar as iniciativas anteriormente citadas e en particular as actuacións referidas ao proxecto de Escola Internacional de Posgrao; proxectos de rehabilitación dos edificios protexidos que sexan asignados ao Campus do Mar no espazo urbano da ETEA; proxecto institucional para definir o goberno colexiado do Campus do Mar e programa de bolsas para a captación internacional de seniors e estudantes de posgrao.
Durante os catro anos que van do 2010 ao 2013 o Banco Santander achegará cada un deles 125.000 euros.

Un novo chanzo na colaboración entre ambas entidades

Desde o ano 2003 a Universidade de Vigo e Banco Santander asinaron diferentes convenios de colaboración coa finalidade de impulsar o desenvolvemento dos sectores produtivos da súa contorna, promover actividades de formación e I+D e en xeral a desenvolver actuacións que favorezan o benestar económico e o progreso social. Tal é o caso de iniciativas estratéxicas como Campus Verde, o Plan de Accesibilidade ou o Plan de Innovación Tecnolóxica.
No caso concreto de Campus do Mar, ambas entidades coinciden en que a protección e conservación do medio mariño, a explotación sostible dos seus recursos e o desenvolvemento dos sectores económicos ligados ao mesmo, esixen unha estreita colaboración entre a Universidade e as empresas que de xeito especial centran as súas actividades extractivas, de cultivo, captura e transformación neste ámbito. Así, ambas institucións consideran aconsellable a promoción da cooperación e colaboración no desenvolvemento da investigación sobre o medio mariño se os seus recursos con estes obxectivos.

Conta atrás para a presentación do proxecto

Resta unha semana para que se cumpra a data límite do 31 de maio fixada para a presentación da versión reducida do proxecto que se completará cara a unha segunda fase, sempre a proposta de Campus do Mar pase o primeiro corte. Esta mesma semana, o xoves 27, terá lugar unha presentación pública no Edificio Miralles no que participarán responsables técnicos de todos os socios do proxecto e no que se darán a coñecer as cifras da participación real de cada integrante do proxecto, incluído o número de investigadores que vai achegar cada unha das institucións implicadas.