DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concerto enmarcado nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

A banda da Escola Naval encheu de sons o Pazo da Cultura

Marchas militares e música clásica conformaron o repertorio despregado ante preto de 500 persoas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 08/04/2014

Preto de 500 persoas congregáronse este martes no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para gozar do repertorio de pezas clásicas e militares que despregou a Unidade de Música Escola Naval Militar, nun concerto enmarcado no programa de actividades da Cátedra Álmirante Álvarez-Ossorio, que o centro con sede en Marín mantén coa Universidade de Vigo. As composicións de referentes da música clásica como Beethoven e extractos de populares óperas compartiron espazo neste recital con marchas militares e con pezas do propio director da banda, o comandante músico Francisco García Hurtado.

Do mesmo xeito que acontece co xa clásico Concerto de Nadal da Escola Naval, este recital da formación que integran 49 músicos de madeira, metal e percusión, que contou con entrada libre previa reserva de invitación, volveu congregar a unha importante cantidade de público. Entre os asistentes a esta actuación atopábanse Juan Luis Sobrino, director da Escola Naval; Rafael Ceñal, director da Cátedra Álvarez-Ossorio, e José María Pousada, director do Centro Universitario da Defensa (CUD), así como outra serie de autoridades como o subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Antonio Coello.

Da ópera ao bolero

Cunha composición do propio García Hurtado, o pasodobre De Quintáns a Penas, abriuse este recital, que continuou co preludio da zarzuela Maruxa, do compositor do catalán Amadeo Vives, antes de facer unha primeira incursión na obra dun dos referentes da música clásica como é Beethoven, do que a banda da Escola Naval interpretou o adagio da súa sonata número 12 e o décimo primeiro movemento da súa quinta sinfonía.

Así mesmo, a ópera tamén ocupou un lugar destacado no repertorio desta velada, na que os músicos do centro militar interpretaron pezas como a obertura de La Gazza Ladra, unha obra do italiano Gioachino Rossini, ou o intermedio da Cavalleria Rusticana de Pietro Mascagni. Tamén houbo tempo nesta actuación para boleros e marchas militares, así como para a suite Aloumiños, tamén de García Hurtado, antes de pechar o programa desta actuación con outra composición do director da Unidade de Música, unha marcha militar que García Hurtado compuxo en homenaxe a Juan Luis Sobrino e que foi estreada en 2012 no primeiro concerto ao que o comandante asistiu en calidade de director da Escola Naval Militar.

Por outra banda, a actuación viuse complementada no Pazo da Cultura cunha exposición de fotografías sobre a historia e a actividade da Escola Naval Militar.

Unha formación de extensa traxectoria

En San Fernando, Cádiz, naceu no ano 1940 a Unidade de Música da Escola Naval Militar, que tres anos despois se trasladou á localidade de Marín, onde continuou desde entón a súa actividade a formación que actualmente dirixe García Hurtado, membro da Escala Superior do Corpo de Músicas Militares. Desde hai anos, a banda que actualmente integran 49 músicos de madeira, metais e percusión combina as actuacións propias do réxime interior da escola, como a rendición de honras, as paradas militares ou as xuras de bandeira, como outra serie de actividades fóra do centro, como o recital desta xornada no Pazo da Cultura ou a súa colaboración en actividades de índole social ou educativa.