DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concerto organizado ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio

A Banda da Escola Naval puxo a súa tradicional nota musical ao Nadal

O repertorio deste ano mesturou composicións clásicas e populares con panxoliñas e marchas militares

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 18/12/2012

Un ingrediente que non pode faltar nestas festas é a música. Así, como vén sendo habitual por estas datas, a Cátedra Almirante Álvarez Ossorio celebrou este martes o seu tradicional concerto de Nadal a cargo da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, ofrecendo un repertorio moi variado de 14 composicións que en máis dunha ocasión levantou das súas butacas ao público que ateigou o Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. Entre as novidades do espectáculo deste ano, unha peza musical composta para o novo director da escola, Juan Luis Sobrino, coa que se puxo o broche final a esta noite navideña.

Entre os asistentes, ademais do director da cátedra, Rafael Julio Ceñal Martínez-Hombre, e outras autoridades da Escola Naval Militar, non faltou a vicerreitora do campus pontevedrés, Antonia Blanco, que se referiu ao concerto como un “clásico” dentro da programación da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio, dando a coñecer ao mesmo tempo o labor da mesma entre a cidadanía. “Esta actividade complementa outras do ciclo máis académicas”, sinalou a vicerreitora que tamén destacou a popularidade da Banda de Música da Escola Naval, “pois cada ano reúne a unha maior cantidade de público”.

Panxoliñas, música clásica e popular

A actuación comezou con ritmo forte coa interpretación da marcha orquestal composta por Edward Elgar, Pomp and Circumstance, para deixar paso a un repertorio popular de panxoliñas. Pezas clásicas de Johan Strauss ou de Franz Joseph Haydn foron intercaladas con outras máis “autóctonas” como Aloumiños ou Soy Español. Tampouco faltaron composicións con alta compeñente castrense tales como Marinos por la paz, Las Corsarias ou Una Jornada Militar. Como guinda final a esta velada, a banda tocou unha marcha militar composta polo seu director, Francisco García Hurtado, en homenaxe a Juan Luis Sobrino, dado que foi o seu primeiro concerto en calidade de director da Escola Naval Militar de Marín.

Outras das novidades deste ano foi a celebración dunha exposición fotográfica na entrada do concerto, na que se tentou plasmar a actividade diaria do alumnado da Escola Naval Militar, co obxectivo de ensinar e compartir coa cidadanía a rutina formativa da Armada.

Unha banda de longa tradición

A Banda de Música da Escola Naval Militar conta con máis de 70 anos de experiencia. Creouse en 1940 en San Fernando, Cádiz, sendo trasladada a Marín no xullo de 1943. Actualmente está composta por 49 compoñentes entre instrumentistas de madeira, metal e percusión.

As súas actuacións acostuman ter finalidades distintas. Por unha banda, atenden as necesidades marcadas polo réxime interior da Escola Naval Militar, como render honras, paradas militares, xuras de bandeira, despedidas de buques, recepcións a autoridades ou concertos didácticos para a dotación. Por outra banda están os concertos fóra da escola, tanto en actos de índole castrense como civís, destacando en primeiro termo aqueles espectáculos didácticos e culturais que se realizan nos diversos colexios e centros educativos de España.