DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Exercerá como decano en funcións ata unha nova convocatoria electoral

Barcia continuará á fronte de BBAA ante a ausencia de candidatos nas eleccións deste ano

A votación, que debía celebrarse onte, anulouse debido a esa inexistencia de candidaturas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 11/12/2009

A mediados do mes de setembro Ignacio Barcia, decano da Facultade de Belas Artes, convocou eleccións de acordo cos Estatutos da Universidade de Vigo e a Normativa para a elección de decanos de facultades do 11 de decembro de 2003, e en base á previa autorización do reitor. O 16 de novembro constituíuse a xunta electoral e onte, 10 de decembro, debía levarse a cabo a votación, proceso anulado ante a ausencia de candidaturas. Consecuentemente, Ignacio Barcia será nomeado decano en funcións nos vindeiros días, permanecendo deste xeito no cargo ata unha nova convocatoria de eleccións que, en función do procedemento habitual, pode adiarse ata o remate do curso.

A adaptación a Bolonia, principal logro dos últimos anos

Ante esta prolongación do seu mandato, Barcia fai balance do ciclo que pecha e analiza os retos de futuro da Facultade de Belas Artes. “Os últimos tres foron uns anos de cambio moi profundo pola adaptación ao proceso de Bolonia, que afrontamos con moito entusiasmo”, sinala e engade que “Belas Artes foi a primeira facultade que transformou os seus estudos en titulacións de grao”. Hoxe está practicamente completado o proceso de adaptación e este mesmo ano saen os primeiros graduados, pois, como indica o decano, “no seu momento o alumnado realizou un cambio masivo da licenciatura ao título de grao”. Ademais, Barcia destaca que Belas Artes segue sendo unha titulación cunha demanda alta. “Mantivemos o número de matriculados mentres outras estaban sufrindo un baixón”, asegura.
Desde un punto de vista máis persoal, Barcia considera o seu período de decano como unha etapa “moi intensa e de moito traballo, coa parte de ingratitude que ten ás veces o traballo de xestión, pero ao mesmo tempo moi interesante”. Afirma que neste tempo se realizou un grande esforzo, mesmo acudindo á inventiva cando foi preciso, polo que “se mellorou moito e se aproveitou para facer moitas cousas”. Neste sentido, o único pesar que lle queda é non ter podido pechar o proceso para a construción do novo edificio, o que en calquera caso atribúe “a circunstancias alleas á facultade e á Universidade”.

A implantación dun posgrao de investigación, o reto máis inmediato

Alén do novo edificio de Belas Artes, o principal reto de cara á nova etapa que comeza é, segundo Barcia, implantar un posgrao de investigación no curso que vén “para pechar todos os ciclos que afectan ao centro, dende o primeiro curso ata o doutoramento”. Este posgrao xa pasou todos os procesos pertinentes dentro da facultade e da Universidade, polo que agora está en fase de avaliación e verificación por parte da ANECA. Así é todo, o decano confía en que para o curso 2010-11 xa se poida impartir.
Unha vez asentadas todas as titulacións de grao, mestrados e posgraos a prioridade para Barcia será facer unha avaliación do seu funcionamento e valorar a necesidade de realizar reaxustes, “sobre todo a nivel organizativo e de grupos docentes, coa posibilidade de integrar unha figura de coordinación dos cursos máis clara”.
En relación á recente Conferencia de Decanos de Belas Artes celebrada en Málaga para valorar o decreto de ensinanzas artísticas (Real Decreto 1614/2009), sinala que existe unha boa relación entre os decanos de todas as facultades de Belas Artes do Estado e que seguirán reuníndose periodicamente para loitar polo interese común neste e noutros temas. No caso particular deste decreto, que consideran que vulnera a autonomía universitaria impedíndolle ofrecer títulos que xa están dentro do seu ámbito, como Restauración e Deseño, a prioridade é seguir mantendo conversas co Ministerio de Educación para que atenda as súas reivindicacións.