DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Físicos de Ourense propoñen o uso de láseres ultraintensos para medir as presións máis pequenas

Un barómetro de luz para medir o baleiro extremo

A súa proposta teórica foi publicada pola revista de referencia internacional 'Physical Review Lette

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 17/12/2012
Unha vez desenvolvida unha tecnoloxía punteira é función dos científicos aproveitar todas as súas posibilidades para o avance do coñecemento e a súa aplicación a diferentes eidos. Os láseres ultraintensos son unha destas tecnoloxías postas en marcha recentemente que permite crear concentracións de luz sen precedentes, podendo un só pulso de luz transportar a potencia equivalente á xerada por un millón de reactores nucleares, aínda que durante un tempo moi curto. Físicos de Ourense veñen de propor o uso desta tecnoloxía como un barómetro de luz que permita medir o baleiro extremo, aquel que se produce no espazo interestelar e que é preciso reproducir nos laboratorios para realizar todo tipo de estudos.

A proposta teórica vén de ser feita pública en Physical Review Letters, a revista de física más prestixiosa a nivel internacional, e está asinada polos docentes do campus de Ourense Daniele Tommasini e Ángel Paredes, coa colaboración do investigador David Novoa, formado na Universidade de Vigo e que na actualidade traballa a cabalo entre o Centro de Láseres Pulsados Ultracortos Ultraintensos de Salamanca, onde se está construíndo o láser máis potente de España, e o Instituto Max Planck de Alemaña. “A medida que vamos subindo na atmosfera a presión descende e aumenta o baleiro. Actualmente é un reto tanto crear como medir no laboratorio condicións denominadas de baleiro extremo. Neste artigo propomos de xeito innovador usar feixes láser ultraintensos como unha ferramenta para medir presións extremadamente pequenas, no denominado baleiro extremadamente alto”, explica Ángel Paredes.

As posibilidades imprevistas

“Do mesmo xeito que vemos o ceo azul porque o aire desvía parte da luz procedente do sol, estas novas fontes de luz poden ser capaces de facer resplandecer incluso o baleiro extremo, un gas no que a concentración de moléculas é un trillón de veces inferior á presente na atmosfera. Medindo ese tenue brillo pódese deducir, en principio, a presión exercida por ese gas”, destaca Tommasini. Segundo salienta o científico, para a física é moi importante saber canto de baleiro se acadou e canto de átomos residuais permanecen para poder entender correctamente o comportamento das partículas que se someten a experimentos nese baleiro.

Os obxectivos principais desta tecnoloxía láser de última xeración son, entre outras, o perfeccionamento de aceleradores de partículas con aplicacións en medicina e na industria, así como o desenvolvemento da fusión nuclear controlada. Sen embargo, apuntan os científicos ourensáns, as novas tecnoloxías sempre ofrecen posibilidades imprevistas e unha delas pode ser a súa proposta de barómetro. A ciencia do baleiro, subliñan, desempeña un papel importante en diversas áreas de investigación como a física de partículas, o estudo do espazo interestelar ou a evolución da tecnoloxía de semicondutores. “Se a nosa idea se chega a levar á práctica serviría para calibrar os propios feixes láser ultraintensos e facilitaría a realización de numerosos experimentos nestas instalacións singulares, tanto na busca de aplicacións tecnolóxicas como da comprensión da física máis fundamental”, apunta Tommasini. Neste senso e creada xa a proposta teórica, o seu desexo agora é conseguir avanzar na proposta co desenvolvemento dun proxecto de investigación.