DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición pode visitarse nas bibliotecas centrais dos tres campus

As batas de traballo reivindican a modernidade da tradición feminina

Acompañada pola proxección do documental "Bata por fóra (muller por dentro)"

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/03/2010
Enfundada nun vestido de alta costura, Kathryn Bigelow converteuse esta madrugada na primeira muller galardoada co Oscar ao mellor director tras 82 edicións destes premios cinematográficos. Esta longa espera é un bo exemplo de que queda moito camiño por andar ata acadar a igualdade real, tamén no mundo das celebridades. Pero moito máis preto de nós e lonxe do glamour de Hollywood, as batas e os mandilóns son as indumentarias de traballado de xeracións de mulleres, traballadoras incansables, que aínda agardan o recoñecemento que merece terse ocupado do fogar, dos nenos (sexan fillos ou netos), das eiras e dos animais sen soldo nin vacacións.
Neste Día Internacional da Muller, a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e a Área de Igualdade embarcáronse nunha iniciativa que ten precisamente as batas como estandarte e símbolo do feminino, do invisible do traballo feminino. A través dunha exposición destas prendas, que se pode visitar simultaneamente na Biblioteca Universitaria do campus de Vigo nas bibliotecas centrais de Ourense e Pontevedra, reivindícase a entrega e o esforzo de avoas, nais e fillas que dedicaron as súas vidas a unhas tarefas que permitiron pasar de xeración en xeración o simbólico do feminino, as tradicións e costumes, e incluso tamén as propias batas.
De flores, de cadros, de diversos debuxos e longos, de inverno ou de verán, estas batas son unha representación do traballo ligado á terra pero sobre todo ligado á vida e á familia.

O que amosan as batas

A apertura destas mostras na bibliotecas centrais dos tres campos é o prólogo do que este martes encherá de sentimentos e experiencias os mesmos espazos. A realizadora viguesa Claudia Brenlla presentará o seu documental Bata por fóra (muller por dentro) dentro deste programa de actos do Día Internacional da Muller e ofrecerá un relatorio no que explicará aos asistentes a súa obra. A idea deste documental xurdiu “editando outra peza gravada na Illa de Ons, cando me din conta de que todas as mulleres que saían levaban unha destas batas”, explica a realizadora que engade que “facía tempo que tiña ganas de experimentar e realizar un documental libre e ensaístico coa muller como protagonista e a bata achegoume o elemento simbólico para poder facelo”.
A peza recolle diálogos entre mulleres sobre o feminino e o feminismo como unha oda, unha homenaxe ás diferentes mulleres e aos diferentes modos de levar as batas, “non había que buscar diferentes tipos de muller, senón que a muller en si, con toda a súa carga do pasado recente, estaba representada nesa prenda”, explica.
Dende o punto de vista visual, musical e sonoro quere ser una oda, un tributo á beleza, valentía, simpatía e capacidade de traballo de nais e avoas, pero Brenlla faino a modo de ensaio, “non é un documental ao uso”. Na cinta, a directora entrevista á artista plástica austríaca Petra Buchegger, que tamén se ten dedicado ás batas de traballo, o que demostra que “son un nexo común entre mulleres de todo o mundo, unha conexión de territorios pero tamén un xeito de ver a naturalidade fronte á artificialidade e superficialidade da moda”. Pero xunto con Petra interveñen outras moitas mulleres, unhas no seu papel real e outras representando diferentes estereotipos femininos e, de feito, explica Brenlla “no vídeo interveñen a miña nai, a miña sobriña, a miña cuñada e moitas das miñas amigas que participan nas performances”.
A súa proposta audiovisual recolle a mesma esencia do exposición das batas, a reivindicación do universo feminino, das traballadoras do campo e do mar, das amas de casa, do rural e do tradicional como universo diferenciador do masculino imperante. E é que, quen non viu á súa nai ou á súa avoa con estas batas? Con 18 minutos de reflexión sobre a modernidade do tradicional, Bata por fóra (muller por dentro) foi premiado como mellor documental no Festival Creativo de Curtas On&Off de Ribadeo, na Mostra de Videocreación do Condado MIVICO08, no Certame de Documental e Vídeo Secuencia Cero de Vigo e obtivo o segundo premio no I Mufest, Cine feito por Mulleres, en Santiago de Compostela.
A partir das 11.00 da mañá Brenlla estará na Biblioteca Central de Pontevedra e ás 13.15 na de Vigo, deixando o mércores para o campus de Ourense ás 12.00 horas, aínda que dende hoxe xa se pode ver a proxección nun reprodutor.