DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está dirixido aos estudantes de 4º curso do grao e aos de 5º da licenciatura

BBAA acolle un ciclo de conferencias para orientar profesionalmente ao alumnado dos últimos cursos

O prazo de inscrición estará aberto ata o 7 na secretaría da facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 17/03/2010
Esmeralda L. Castro | Pontevedra
Rematar a carreira sitúa ao alumnado na problemática de elixir o camiño que quere seguir, ben cara a unha formación máis especializada ou ben cara á integración profesional. Achegar orientación neste sentido é o obxectivo do ciclo de conferencias Información para o exercicio profesional da arte, incluído dentro da programación de cursos de apoio á docencia e que se celebrará ao longo do mes de abril na Facultade de Belas Artes. Coordinado por Paloma Cabello Pérez, vicedecana do centro, amosará ao alumnado dos últimos cursos as posibilidades profesionais en ámbitos próximos á arte como o deseño e a arquitectura e introducirá coñecementos esenciais para emprender proxectos empresariais como o dunha galería.
Estas conferencias están dirixidas ao estudantado que remata este ano a súa titulación, ben de 4º curso do Grao de Belas Artes ou de 5º da Licenciatura en Belas Artes. Desenvolveranse no Espazo 14 da Facultade de Belas Artes os días 9, 16, 23 e 30 de abril, en horario de 12.30 a 13.30 horas, e a inscrición pode realizarse xa, ata o 7 de abril, na secretaría do decanato.

Como escoller o mellor camiño

“O obxectivo é facer unha achega ao mundo profesional, a aqueles contidos que habitualmente non se dan nas aulas, para que o alumnado saiba como abordar a súa saída a unha actividade profesional ou como continuar formándose escollendo os mestrados especializados que mellor se adapten aos seus intereses”, explica Paloma Cabello. Segundo a vicedecana da facultade, o ciclo pretende tender unha ponte ponte entre o período de formación universitaria e a continuación de estudos a través dos mestrados profesionais ou o comezo dunha actividade profesional como artista.
A primeira intervención será a de Patricia Muñiz e Luciano Alfaya, membros do estudo Mmasa Arquitectos e directores do Foro Internacional Cidade, Territorio e Urbanismo. Falarán das posibilidades que se presentan para un licenciado en Belas Artes na planificación urbanística, cunha conferencia titulada Perspectivas e prácticas da arquitectura. Quen se encarga do espazo?

Facerse autónomo, crear unha empresa ou montar unha galería

“Un economista explicará cousas básicas como o procedemento para darse de alta na Seguridade Social, como facerse autónomo ou os pasos a seguir para crear unha empresa”, destaca Cabello Pérez. Estes e outros aspectos correrán a cargo de César Enrique Martínez Gómez, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais e diplomado en Comunidades Europeas, ademais de socio do estudo de economistas pontevedreses S.L.P.U., que tentará achegarlle ao alumnado unha orientación empresarial completa.
Completarán esa visión de cara á execución de proxectos empresariais responsables de galerías de arte, que relatarán como se pon en marcha e como se xestiona un espazo expositivo. “Serán neste caso os coordinadores da Galería Ad Hoc de Vigo”, indica a vicedecana, que expoñerán un relatorio titulado A carreira do artista xove.
Pechará o ciclo un membro do estudo Cenlitrosmetrocadrado de Santiago de Compostela, que abordará as posibilidades para un artista dun ámbito moi particular, o do deseño industrial. Existe un importante número de licenciados en Belas Artes que se internaron no mundo do deseño nas súas diferentes facetas, polo que Cabello considera interesante que “alguén lle expliquen ao alumnado como facer para aplicar os coñecementos específicos das Belas Artes nese ámbito, cun exemplo tan significativo como o do deseño industrial”.