DUVI

Diario da Universidade de Vigo

BBAA participa en Ikas-Art, a feira da vangarda da arte universitaria

Ata este domingo 20 de xuño no Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 18/06/2010

A Facultade de Belas Artes, co apoio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, participa estes días na 2ª Mostra Internacional de Arte Universitario Ikas-Art, unha cita que une a investigación, a innovación e a creatividade de todas as facultades de Belas Artes do Estado, así como de algunhas europeas. Desde onte e ata o próximo domingo 20 de xuño 37 estudantes dos últimos cursos amosarán o seu traballo nun stand de 100 metros cadrados dentro do Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo. Presentan obras de distintas tipoloxías, amosando así a frescura e riqueza da arte universitaria, que se atopa na vangarda da arte contemporánea. Como sinala o coordinador da delegación do campus, o profesor Juan Carlos Meana, “a proposta do centro intentou atender todo o espectro de formalizacións e especializacións que se traballan na facultade, con pezas audiovisuais, fotográficas, pictóricas, multimedia, obxectuais e mesmo algunha interactiva que require a participación do público”.
Ademais da área expositiva, o Ikas-Art conta cun espazo Showroom orientado a amosar traballos e proxectos de carácter máis efémero e inmaterial como accións, performances ou proxectos tecnolóxicos.

Intercambio de experiencias e coñecementos

Esta feira, patrocinada pola Deputación Foral de Biscaia e organizada pola Universidade do País Vasco e Enkartur, permite o encontro de mozos e mozas creadores en período de formación onde intercambian experiencias e coñecementos sobre as tendencias máis actuais da arte contemporánea. A proposta pretende tamén achegar a actividade que se realiza nas facultades de Belas Artes a un público profesional e experto e a un público máis amplo, para que coñezan de forma directa aquilo que acontece na actividade artística universitaria, a súa maneira de entender a arte e as súas estratexias de aprendizaxe. Juan Carlos Meana lembra como xa nos anos 80 houbo intentos de crear eventos deste tipo. “Cando eu era estudante fíxose salgo parecido en Toulouse e noutros sitios de Europa”, comenta. Ao respecto do Ikas-Art, sinala que “achega transparencia a todo o que se fai nas facultades, tanto por parte dos profesores como dos estudantes”.

Foro de estudantes

De xeito paralelo ás exposicións programouse unha serie de foros de estudantes en torno a tres temas: a investigación nas facultades de Belas Artes, a docencia e a pedagoxía nas artes no século XXI e o impacto das novas tecnoloxías na produción e na profesionalización. Todos eles contan coa participación de alumnos e alumnas do campus, seleccionados previamente por un comité científico.
A programación complétase con mesas redondas e conferencias dirixidas a expertos e con talleres participativos dirixidos a toda clase de públicos.
É unha oportunidade para que os novos valores do campus collan o pulo preciso para iniciar a súa carreira profesional e así o manifesta o seu coordinador. “Pola experiencia da edición anterior o alumnado non só volve contento deste evento, senón que me consta que traen moitos contactos”, apunta Meana. O profesor comenta tamén que acudir a esta feira lles serve aos estudantes para compararse e medirse cos demais. “Ás veces cren que por estar nunha esquina da península ou nunha cidade pequena se perden moitas cousas e non teñen mesmas oportunidades que en sitios como Madrid ou Barcelona, pero en eventos como estes danse de conta de que o seu traballo non desmerece ao que se fai noutras facultades máis grandes”, afirma. Ademais, sinala que para os alumnos dos grandes centros todos os trámites son moi complicados e teñen máis dificultades para sacar adiante as súas obras.