DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta de Centro celebrou este mércores as eleccións para ocupar a vacante deixada por Milagros Cav

Beatriz Comendador, nova decana de Historia por unanimidade

Susana Reboreda e Mª del Carmen Fernández completan o seu equipo de goberno

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/11/2011

A Facultade de Historia iniciou este mércores unha nova etapa coa elección da arqueóloga Beatriz Comendador como a súa nova decana. A Xunta de Centro votou por unanimidade a súa elección despois de ser a única candidatura que se presentou ao cargo, que de modo provisional estaba ocupando Mª Victoria Carballo Calero desde a xubilación en setembro de Milagros Cavada. Comendador inicia esta nova etapa “con moitas gañas e moita forza”, consciente de que “a crise económica non porá as cousas doadas” e de que un dos seus grandes retos será a captación de novo alumnado e a apertura das saídas profesionais para os estudantes do centro.

Na votación participaron 17 membros da Xunta de Centro, o órgano colexiado de representación, decisión e control da Facultade de Historia, formado por docentes, alumnado e persoal de administración e servizos. Tras presentar a docente a súa candidatura, os asistentes realizaron unha votación na que Beatriz Comendador saíu elixida cun 100% de votos positivos. Un resultado que foi celebrado pola nova decana e os compañeiros de centro. Coa súa elección elixiuse tamén ao equipo que traballará con ela os vindeiros anos na xestión da facultade e que serán Susana Reboreda como vicedecana e Mª del Carmen Fernández como secretaria.

Mentres se pecha o procedemento para ocupar efectivamente o seu cargo os vindeiros días, Beatriz Comendador prepárase para ocupar o seu posto “con moitas gañas de traballar e moita forza”. “Non son tempos fáciles, vivimos un momento de crise, de recortes que afectan a todos os ámbitos e tamén á universidade, pero traballaremos para facelo o mellor posible”, destacou trala súa elección.

Un equipo con experiencia

A arqueóloga foi a única candidata a ocupar o cargo e, asegurou, presentouse por “un exercicio de responsabilidade coa Facultade de Historia”. Para afrontar esta nova etapa de xestión rodéase dun equipo con experiencia neste eito. Así Susana Reboreda conta na súa traxectoria co feito de ter sido anteriormente decana do centro e Mª del Carmen Fernández é xefa de administración da facultade. Un equipo cunha ampla traxectoria na institución co que Beatriz Comendador agarda complementar a súa xuventude, pois ten 44 anos, e o feito de que leva cinco anos traballando no campus de Ourense, onde conta con praza de profesora contratada doutora desde 2010.

Mentres “aterreza no posto”, recoñeceu que un dos retos que terá que afrontar o seu centro é o do incremento do alumnado. Neste senso, destacou que o aumento de estudantes matriculados este curso é un signo positivo que deberán consolidar os vindeiros anos. “A nosa intención é abrir a facultade á realidade social e laboral”, advertiu. Nesta apertura salientou a importancia de que os profesionais da arqueoloxía, a historia, a xeografía e a historia da arte entren en novos ámbitos de traballo, como a xestión do patrimonio. Para traballar nesta liña, agarda que lle sexa útil a súa propia experiencia profesional, só orientada ao ámbito académico nos últimos anos.